A Xunta promove unha reflexión colectiva co fin de aproveitar os fundamentos do deseño para a transformación cara a unha Galicia máis innovadora

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá en Vedra (A Coruña) no primeiro obradoiro do ciclo ‘Deseño para a transformación’

Esta iniciativa busca integrar os esforzos de innovación e transformación en Galicia desde a perspectiva humana e de futuro que ofrece o deseño

Profesionais e entidades asociativas, empresas, emprendedores, Administración autonómica, artistas e docentes traballarán conxuntamente para definir o marco no que o deseño pode contribuír a mellorar a competitividade de economía galega

Vedra (A Coruña), 21 de xullo de 2020

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá en Vedra (A Coruña) no primeiro obradoiro do ciclo Deseño para a transformación, enmarcado no Programa de Deseño para a Innovación da Xunta, onde destacou que Galicia conta co talento, a traxectoria, a sensibilidade e a creatividade necesarios para converterse nun territorio de referencia no posicionamento do deseño como actor destacado no novo contexto económico.

Argerey presentou o ciclo iniciado hoxe pola Consellería de Economía, Emprego e Industria mediante este obradoiro para definir e poñer en práctica principios que permitan o aliñamento dos esforzos de innovación e transformación en Galicia desde a perspectiva humana e de futuro que ofrece o deseño. Deste xeito, alcanzarase unha Galicia máis innovadora.

A directora de Gain apuntou que as empresas, especialmente as pemes, precisan máis que nunca da creatividade, a innovación e a dixitalización para mellorar a súa competitividade, e que o deseño pode actuar como un elemento facilitador desta transformación. Deste modo, Argerey salientou que a implantación da fábrica intelixente e o compromiso coa sostibilidade abren novas oportunidades para o deseño, ofrecendo unha visión transversal para reforzar o tecido industrial e xerar emprego de calidade.

Este obradoiro reuniu a un grupo estratéxico formado por representantes do sector do deseño (profesionais e entidades asociativas), empresas e emprendedores de sectores clave para a economía galega, a Administración autonómica, artistas e docentes para iniciar o ciclo de obradoiros de reflexión colectiva que permitirá configurar ao longo dos próximos meses o marco no que o deseño pode contribuír dun xeito máis eficiente á innovación e á competitividade de Galicia.

Baixo o título Deseño para a transformación. Fundamentos dun deseño galego de futuro, desenvolveranse un total de catro obradoiros ata outubro baseados na implementación de metodoloxías de deseño transformacional, inspiradas no traballo que se promove desde o centro danés Kaospilot, considerado unha das mellores escolas de deseño do mundo.

Esta mañá tivo lugar o primeiro, celebrado no taller expositivo do deseñador galego de referencia internacional Arturo Álvarez, cunha longa traxectoria no sector da iluminación e con proxectos implantados en todo o mundo. Nel interviu o director de contidos de Retina en El País, Jaime García Cantero, que desglosou os principais aspectos do novo contexto para a innovación e a transformación.

O deseñador Alberto Barreiro, coordinador do ciclo, expuxo os obxectivos do ciclo iniciado hoxe, que culminará nun manifesto no que se recollerán os principios de innovación desde o deseño en Galicia. Pola súa banda, David Barro, director da Fundación DIDAC e asesor do Programa de Deseño para a Innovación da Xunta, explorou as raíces culturais do deseño en Galicia. A exposición dos retos e oportunidades ligados ao ecosistema de innovación en Galicia correu a cargo de persoal de Gain.

Durante a xornada os participantes interviñeron en dous exercicios prácticos destinados a recoller as súas achegas e tiveron ocasión de visitar o taller de Arturo Álvarez.

Reflexión conxunta e multidisciplinar

Ademais de Alberto Barreiro, consultor, profesor e codeseñador do programa Become de Kaospilot, o ciclo está liderado por Stef Silva, deseñadora experta no método Futures Thinking, que consiste en anticipar necesidades de futuro e posibles solucións desde o deseño. Como colaboradores participan profesionais de referencia no sector como Carola Verschoor, Nuria Carballo e Manuel Vázquez, ademais de David Barro.

O grupo estratéxico de deseño para a transformación está formado por profesionais galegos de referencia a nivel internacional e por representantes da Asociación Galega de Deseñadores (DAG) e do Clúster de Comunicación de Galicia. Pola parte empresarial participan firmas galegas tractoras en deseño e innovación: D-Due, Inditex, Paco & Lola, Tattoo Contract, By Arturo Álvarez e Finsa, ademais dun grupo de emprendedores. A Administración autonómica estará representada pola Fundación Artesanía de Galicia. O grupo complétase con varios artistas galegos e profesionais do ámbito educativo.

Imaxes relacionadas