Os veciños da parcelaria de Troáns sector II, no concello pontevedrés de Cuntis, poderán tomar posesión dos seus predios de substitución o vindeiro 30 de outubro

A partir desa data, os 440 propietarios beneficiarios deste proceso poderán facer uso das novas parcelas resultantes da reorganización do territorio

A superficie total concentrada neste proceso ascende a 146 hectáreas, pasando de case 3.000 parcelas iniciais a 717 predios
 

Cuntis (Pontevedra), 21 de xullo de 2020

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo coa Xunta Local da zona de concentración parcelaria de Troáns Sector II, no concello pontevedrés de Cuntis. Alí, trasladoulles aos asistentes que os 440 propietarios beneficiarios deste proceso poderán facer uso dos novos predios a partir do 30 de outubro.

Deste xeito, dáse un paso máis na reestruturación parcelaria de Troáns Sector II, que ocupa unha superficie de 146 hectáreas. Coa reorganización do territorio pasouse de 2.927 parcelas iniciais a 717 predios resultantes, aumentando así a superficie media por parcela en case un 450%. Cabe destacar que este proceso está destinado principalmente ao aproveitamento forestal, mentres que a zona de labradío úsase para hortas de autoconsumo e produción de cereais.

O director xeral sinalou que neste proceso de reestruturación parcelaria se leva investido preto de un millón de euros, contemplando tanto os traballos nas redes de camiños principais e secundarios como o acondicionamento de predios, xunto coas asistencias técnicas necesarias para levar adiante a reorganización.

O concello de Cuntis conta cun total de oito procesos de concentración xa rematados, estando aínda vivas as zonas de Troáns Sector I e Sector II, en fase de bases definitivas e acordo respectivamente. Así, da superficie total que ten este concello pontevedrés, máis do 25% xa está concentrado.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural