En Galicia estímase que unhas 600.000 persoas se abastecen mediante sistemas de traída propios, xa sexan veciñais ou individuais

A Xunta publica hoxe no DOG a convocatoria das primeiras axudas para a mellora da calidade da auga das traídas veciñais por importe de 750.000 euros

Os incentivos cubrirán o 80% do financiamento das actuacións que resulten elixidas, ata un máximo de 15.000 euros por proxecto

O 30% do importe da convocatoria, 225.000 euros, destinarase ao financiamento de actuacións que presenten comunidades de usuarios de ata 50 membros e os 525.000 euros restantes, o 70%, ás comunidades de usuarios con máis membros

Serán subvencionables a implantación ou mellora dos sistemas de tratamento de augas, a mellora das infraestruturas de almacenamento ou a realización de análises da auga para comprobar a súa calidade

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das primeiras axudas para a mellora da calidade da auga das traídas veciñais, por importe de 750.000 euros, para os exercicios 2020 e 2021.

Esta liña de axudas vai destinada á mellora da calidade da auga dos abastecementos xestionados por comunidades de usuarios. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://xurl.es/opu63.

Poderán ser beneficiarios desta convocatoria as comunidades de usuarios que acrediten incumprimentos de parámetros sanitarios da calidade das augas, mediante analíticas e que presenten proxectos para a implantación ou mellora dos sistemas de tratamento da auga; para melloras as infraestruturas de almacenamento que incidan directamente na mellora da calidade; ou a realización de análises da auga para comprobar a súa calidade antes e despois da intervención.

As axudas cubrirán o 80% do financiamento das actuacións que resulten elixidas, segundo criterios obxectivos, ata un máximo de 15.000 euros por proxecto. O 20% do financiamento restante deberá ser achegado pola propia comunidade de usuarios que resulten beneficiaria da subvención, non sendo compatible con outras subvencións ou axudas.

O 30% do importe da convocatoria, é dicir, 225.000 euros, destinarase ao financiamento de proxectos de comunidades de usuarios de ata 50 membros. Os outros 525.000 euros, o 70% restante, estará dirixido ás actuacións de comunidades de usuarios con máis membros. Para poder optar a estes incentivos, as comunidades de usuarios deberán estar constituídas legalmente.

Cómpre sinalar o importante papel das traídas veciñais no ámbito rural ao ser, en moitas ocasións a solución máis eficiente para abastecer a poboacións que se atopan máis afastadas. Neste sentido, a lexislación estatal de augas bríndalles xa un marco lexislativo especial, outorgándolle carácter de corporacións de dereito público adscritas e tuteladas polo organismo de conca.

No caso de Galicia, as especiais características poboacionais, cunha forte dispersión, fai que se teña recorrido de xeito habitual a solucións autónomas para abastecerse de auga potable. De feito, estímase que unhas 600.000 persoas en Galicia utilizan pequenos sistemas de abastecemento propios, xa sexan veciñais ou individuais.

Imaxes relacionadas