A Xunta reafirma a súa aposta pola innovación e a I+D na súa oferta de formación para o rural galego

Manuel Rodríguez aproveitou para poñer de relevo o Plan de formación para o agro 2020-2024, que contempla, entre outros obxectivos, o impulso á teleformación agroforestal continua e a adaptación das ensinanzas aos sectores produtivos

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2020

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, participou nunha reunión cos responsables da Aula de Produtos Lácteos, unha plataforma tecnolóxica mixta da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT) da Universidade de Santiago de Compostela. Na visita, analizaron posibles vías de colaboración no eido da formación relativa ao sector lácteo, así como futuros proxectos de I+D+i relacionados cos distintos consellos reguladores do queixo en Galicia ou coas normas técnicas do Decreto de Artesanía, entre outros asuntos.

No encontro, o responsable da Agacal aproveitou para destacar o compromiso da Xunta a prol da formación, a innovación e a dixitalización no rural galego. Salientou, nesa liña, o Plan de formación para o agro 2020-2024, que contempla, entre outros obxectivos, o impulso á teleformación agroforestal continua e a aposta por intensificar e flexibilizar estas ensinanzas. A finalidade é adaptalas ás necesidades de cada un dos sectores produtivos e contribuír así á súa profesionalización.

A maiores, Manuel Rodríguez engadiu que no tocante á formación do sector lácteo se busca incidir na xestión empresarial, no marketing e nas vendas para aumentar as posibilidades de éxito dos distintos operadores do sector lácteo.
 

Imaxes relacionadas