A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 9,30 h de hoxe

Permanece activo o lume no concello de Ourense, parroquia homónima, que afecta unhas 60 hectáreas de superficie

Estabilizado un lume no concello coruñés de Porto do Son, parroquia de San Pedro de Muro, que afecta provisionalmente unhas 40 hectáreas

Permanece tamén controlado o incendio de Rubiá, parroquia de Pardollán, que segundo as últimas estimacións afecta 41,35 hectáreas do parque natural da Serra da Enciña da Lastra

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 9,30 h. de hoxe.

Ourense

Permanece activo desde as 15,03 h. de onte o lume no concello de Ourense, parroquia homónima, que afecta unha superficie dunhas 60 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. No seu control traballan 1 técnico, 10 axentes, 23 brigadas, 16 motobombas, 7 helicópteros e 11 avións.

Porto do Son

Estabilizado o incendio rexistrado no concello coruñés de Porto do Son, parroquia de San Pedro de Muro, tras comezar onte ás 17,42 h. da tarde. Segundo novas estimacións, a superficie afectada é dunhas 40 hectáreas, sendo esta unha medición provisional ata que se parametrice finalmente. No seu control levan participado 8 axentes, 18 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 4 avións e 4 helicópteros.

Rubiá

Permanece controlado dende onte ás 18,59 h. o lume rexistrado no concello ourensán de Rubiá, parroquia de Pardollán, tras comezar o venres ás 13,05 h. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 41,35 hectáreas do parque natural da Serra da Enciña da Lastra, das cales 30 son arboradas e o resto monte raso. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para o seu control lévanse mobilizado 1 técnico, 13 axentes, 26 brigadas, 13 motobombas, 5 helicópteros e 11 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.