A Xunta completará a vindeira semana os traballos de roza e limpeza que está e levar a cabo nas marxes de estradas autonómicas da comarca de Celanova

Estas intervencións rematarán o vindeiro venres na OU-411, en Padrenda e Quintela de Leirado, e na OU-404, en Cartelle

Xa concluíron os traballos na OU-533, entre A Gudiña e Viana; na OU-540 e OU-312, en Lobeira, e na OU-801, en Cortegada

Continúan as tarefas de limpeza nas estradas PO-254 e PO-253, en Ponteareas, e na PO-255, en Ponte Caldelas; e en distintas vías das provincias da Coruña e Lugo

As actuacións céntranse na retirada de especies pirófilas e nas rozas nas marxes das estradas, así como no acondicionamento das sendas para o tránsito peonil

Os obxectivos destes labores son potenciar o efecto cortalumes das estradas, aumentar a seguridade viaria e fomentar a mobilidade segura e sustentable
 

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2020.- A Xunta completará está vindeira semana os traballos de roza e limpeza que está a levar a cabo nas marxes de estradas autonómicas da comarca de Celanova.

En concreto, o vindeiro venres finalizarán as actuacións na OU-411, en Padrenda e Quintela de Leirado, e na OU-404, en Cartelle. Na provincia de Ourense están xa executados traballos de limpeza na OU-533, entre A Gudiña e Viana; na OU-540 e na OU-312, en Lobeira, e na OU-801, en Cortegada.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, está a realizar estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de 30 vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.
Ao tempo, a Xunta continuará na vindeira semana coas tarefas de roza e limpeza nas marxes das estradas autonómicas PO-254, ao seu paso polo concello de Ponteareas, e na PO-255, en Ponte Caldelas, nas que comezaron os traballos a principios de xullo. Tamén, continúan as actuacións iniciadas neste mes na estrada PO-253, en Ponteareas.
Ademais seguen a desenvolverse as actuación iniciadas no mes de xuño nas estradas da provincia da Coruña: AC-445 - VG-1.4 en Corcubión, Cee e Fisterra; na AC-445, tamén en Fisterra; e na AC-554, en Outes. E continúan as tarefas nas estradas de Lugo: AG.64, Vilalba e Xermade, e na C.G-2.2, Lugo e O Corgo.

Estas actuacións, desde o seu inicio en maio, xa se levaron a cabo nas marxes de vías autonómicas das contornas da Mariña luguesa, do Baixo Miño, Vigo, Noia, Fisterra ou Ferrol.

Os traballos continuarán nas distintas estradas da comunidade autónoma ata ter completados, a finais de xullo, os labores programados.

As tarefas céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, co fin de previr incendios forestais.
Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas, pensando xa no incremento de uso que experimentan no verán.
As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.