A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20,00 h de hoxe

Estabilizado o lume no concello coruñés de Lousame, parroquia de Vilacova, cunha superficie afectada dunhas 30 hectáreas

Permanece activo o incendio de Rubiá, parroquia de Pardollán, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 35 hectáreas do parque natural da Serra da Enciña da Lastra

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20,00 h. de hoxe.

Lousame

Estabilizado ás 20,03 h. o lume rexistrado ás 14,50 h. no concello coruñés de Lousame, parroquia de Vilacova que, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie dunhas 30 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. No lugar levan traballado 5 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 6 avións.

Rubiá

Permanece activo desde as 13,05 h. o lume forestal do concello ourensán de Rubiá, parroquia de Pardollán, e que afecta ao parque natural da Serra da Enciña da Lastra. Segundo as últimas estimacións, a superficie estimada é dunhas 35 hectáreas, sendo esta medición provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para o seu control lévanse mobilizado 1 técnico, 7 axentes, 14 brigadas, 4 motobombas, 4 helicópteros e 11 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.