Medio Ambiente estudará colaborar co concello de Larouco nunha actuación para mellorar os accesos ao núcleo de Seadur

A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse esta mañá coa rexedora Patricia Lamelas, quen lle fixo entrega da memoria deste proxecto urbanístico

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de colaborar co concello ourensán de Larouco para levar a cabo un proxecto urbanístico co fin de mellorar a accesibilidade ao núcleo de Seadur. Este foi o compromiso que asumiu hoxe a conselleira Ángeles Vázquez no transcurso dunha xuntanza coa alcaldesa Patricia Lamelas, quen lle trasladou a importancia de levar a cabo esta actuación para poñer en valor esta zona do municipio e lograr un maior aproveitamento público do espazo.

A intervención prevista polo concello, tal e como lle explicou a rexedora, ten como fin acometer o acondicionamento de dúas das principais rúas deste núcleo. Ambos viarios son de titularidade municipal e o obxectivo do Concello de Larouco para por mellorar o aspecto xeral da zona, dotándoa dos servizos necesarios.

A tal fin e segundo consta na memoria do proxecto que lle entregou Patricia Lamelas á conselleira, a intención é aumentar o ancho de ambos viarios de acceso para mellorar a entrada ao núcleo de Seadur e resolver deste xeito tamén o acceso aos viñedos e ás zonas de paso existentes.

Así mesmo, no viario desde o sur realizarase unha cuneta de formigón para resolver tamén os problemas de atascos e acumulacións de auga que se producen de forma recorrente no inverno. Por outra banda, no que dá acceso ao núcleo desde o norte, onde se localiza o local social do pobo, colocarase unha varanda de madeira para evitar caídas provocadas polo desnivel que existe xunto á rúa e pavimentarase de novo gran parte do viario para resolver as fochancas que existen na actualidade

Pola súa parte, Ángeles Vázquez indicoulle á alcaldesa que estudará a viabilidade de implicarse e cooperar na execución deste proxecto, cun orzamento previsto de 72.594,7 euros. Neste sentido, lembroulle que a Xunta ten a disposición dos concellos varias liñas de axudas para o desenvolvemento de intervencións urbanísticas que, como esta, buscan potenciar as infraestruturas públicas, os servizos e os equipamentos municipais que contribúen a mellorar o benestar e a calidade de vida nas vilas galegas.

Así, a conselleira comprometeuse a estudar en detalle o seu proxecto de mellora nos accesos a Seadur como paso previo para poder analizar as posibles vías de cofinanciamento entre a Consellería e o goberno municipal na súa execución.

Imaxes relacionadas