Ethel Vázquez avanza que a finais de agosto as obras de mellora dos aparcadoiros, firmes e vías do Hospital Materno da Coruña estarán á disposición dos pacientes e dos profesionais

Os traballos, cun investimento de 195.000 euros, abranguen a mellora da vía perimetral do centro sanitario e da lavandería do Sergas na cidade

Mellorarase o firme da vía que rodea o hospital e da que conecta coas Xubias de Abaixo, habilitaranse novas zonas de aparcadoiro, executarase unha nova beiravía adaptada a persoas con mobilidade reducida, e renovarase a sinalización

A conselleira avanza que a vindeira semana prevese formigonar unha das novas zonas de aparcamento, na que quedarán habilitadas xa unhas 30 prazas para vehículos

Informa de que a Xunta recibiu 10 ofertas para a realización das obras da Fase 0 do Novo CHUAC, que suporán un investimento de 13 millóns de euros e comezarán a finais de ano

O Goberno galego agarda que o Concello da Coruña dea canto antes a súa conformidade á proposta de convenio trasladada a principios de maio para non perder o tempo na posta en marcha do novo complexo hospitalario da Coruña
 

A Coruña, 16 de xullo de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a finais de agosto os pacientes e o persoal sanitario do hospital Teresa Herrera da Coruña, ou Materno-Infantil, verán mellorada a súa mobilidade e o seu acceso a este centro sanitario.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe as obras, iniciadas a finais de xuño, que inclúen a renovación do firme, a mellora das beirarrúas, a adecuación de novas zonas de aparcadoiro, no entorno do hospital Teresa Herrera e da lavandería do Sergas na cidade. Estas actuacións contan cun investimento de 195.000 euros, e forman parte dun contrato maior que recolle actuacións de mellora nos accesos noutros hospitais públicos da provincia, como os de Santiago, Ferrol, Cee e o Barbanza, cun investimento global de 1 millón de euros.

As actuacións supervisadas hoxe céntranse na vía perimetral do hospital Materno-Infantil e, en palabras da conselleira, teñen por obxectivo “favorecer a mobilidade no contorno deste centro hospitalario, ofrecendo unha mobilidade máis cómoda e segura tanto para os pacientes como para todo o persoal sanitario que se achega cada día a estas instalacións”.

Con estas obras mellorarase o firme da vía que dá a volta ao hospital, actuando en todo o seu percorrido e intensificando o traballo nas zonas que presentan un maior deterioro. Ademais, tamén se mellorará o firme da vía que conecta coas Xubias de Abaixo.

A conselleira apuntou que os traballaos de estendido de aglomerado realizaránse en horario nocturno para minimizar as molestias aos profesionais e usuarios do hospital.

Tamén se habilitarán novas zonas de aparcadoiro, adecuando prazas de forma ordenada, e nova beiravía adaptada a persoas con mobilidade reducida, coa conseguinte mellora da seguridade viaria. A intervención completarase coa renovación da sinalización, como se fixo xa o ano pasado no hospital central.

Vázquez Mourelle informou de que xa está executada a roza e o saneamento da parcela, e nestes momentos se están a delimitar as zonas de aparcadoiro e de tránsito peonil con bordillo. Avanzou que a vindeira semana prevese formigonar unha das zonas de aparcadoiro, co que quedarán habilitadas xa unhas 30 prazas para o estacionamento de vehículos. En total, a actuación permitirá adecuar 53 prazas de aparcamento.

A conselleira incidiu na repercusión destas actuacións, “que supoñen pequenos investimentos, pero son importantísimas para a seguridade viaria, a accesibilidade e a funcionalidade destes centros hospitalarios”.

Estes traballos, engadiu, contribúen e se suman “a esa gran aposta que vén facendo a Xunta desde 2009 pola sanidade pública, que se traduce en continuas melloras asistenciais, novos centros de saúde, mellores equipamentos sanitarios e mellora nos centros hospitalarios”.

Recibidas 10 ofertas para a Fase 0 do Novo CHUAC

Ethel Vázquez informou de que a Xunta recibiu xa 10 ofertas de empresas para a execución das obras da Fase 0 do Plan director do Novo CHUAC, que suporán un investimento autonómico de 13 millóns de euros e se iniciarán a finais deste ano.

A conselleira subliñou que estas obras serán a 1ª pedra do novo hospital público da Coruña para os próximos 30 anos, unha “prioridade absoluta” para a Xunta e a maior obra pública que se ten impulsado nesta área en moitos anos, cun investimento de case 500 M€ .

A conselleira salientou a envergadura deste proxecto, que supón reordenar unha parte importante da cidade, con implicacións urbanísticas e obras viarias, o que fai necesario que se acometa da man do Concello da Coruña.

A ese respecto, sinalou que a Xunta agarda que o goberno municipal dea pronto a súa conformidade á proposta de convenio trasladada a principios de maio, “para non perder nin retrasar un día máis a posta en marcha do novo CHUAC, da sanidade pública do futuro nesta cidade”, concluíu.
 

Imaxes relacionadas