Mañá abre o prazo de solicitude de axudas para a mellora de escolas infantís xestionadas por entidades de iniciativa social

A convocatoria conta cun orzamento de 400.000 euros e o prazo para presentar as solicitudes estará aberto durante un mes

Subvencionaranse obras de adecuación e accesibilidade do centro; a adquisición de equipamento, material didáctico e de xogo; e a dotación de conexión a internet e a compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula
 

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2020

A Xunta de Galicia abre mañá, e durante un mes, o prazo para que as entidades privadas de iniciativa social se acollan á nova convocatoria de axudas para a realización de obras de mellora e de compra de equipamento nas escolas infantís de 0 a 3 anos da súa titularidade. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que regula a concesión destas achegas económicas cun crédito total de 400.000 euros, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Ao abeiro desta convocatoria e baixo o réxime de concorrencia competitiva serán subvencionables tanto as actuacións menores de adecuación e mellora das infraestruturas dos centros, así como obras novas que melloren a accesibilidade ou doten ao edificio de servizos necesarios.

Así mesmo, entran dentro desta orde de axudas a adquisición e mellora do equipamento do centro a compra de mobiliario interior e exterior, así como de material didáctico e de xogo. A convocatoria tamén subvenciona a dotación de conexión a internet e a compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula, tales como ordenadores, encerados dixitais, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares.

Financiarase ata o 100% do investimento subvencionable e unha contía máxima por cada centro de 15.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 10.000 euros para as destinadas á compra de equipamento e mais á integración das novas tecnoloxías na aula. Cada entidade poderá percibir unha axuda máxima de 25.000 euros, con independencia do número de centros para os que presente a solicitude.
 

Imaxes relacionadas