A Xunta formaliza a entrega ao concello do Grove da depuradora de augas residuais, que supuxo un investimento autonómico de máis de 7 millóns de euros

A Administración local asume a súa responsabilidade no mantemento e explotación da planta

Augas de Galicia tivo que asumir subsidiariamente o funcionamento da depuradora durante un ano pola negativa municipal a facerse cargo das súas competencias
 

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2020

A Xunta de Galicia formalizou hoxe a entrega ao Concello do Grove da estación depuradora de augas residuais, que supuxo un investimento por parte da Administración autonómica de máis de 7 millóns de euros.


O Concello do Grove asume así a responsabilidade de mantemento e explotación da planta, que ata agora estaba a ser xestionada de forma subsidiaria por Augas de Galicia, logo da finalización, o pasado ano, do contrato de execución das obras.
A Xunta construíu a depuradora do Grove atendendo a unha solicitude de colaboración formulada polo Concello, que pediu o financiamento da instalación por parte de Augas de Galicia, co compromiso de asumir, a continuación, o mantemento e explotación da planta.


A execución da depuradora concluíu en marzo de 2015, e Augas de Galicia seguiu facéndose cargo do mantemento ata a conclusión do contrato de construción, dado que a empresa adxudicataria incluíra na súa oferta 50 meses de explotación tras o remate da obra.


Finalizado ese período, o acordo da Xunta co Concello do Grove establecía que sería este, como titular das competencias en materia de saneamento e depuración municipal, o que se encargaría de explotar e manter as novas instalacións. A data na que o Concello tiña que se facer cargo da EDAR chegou en xuño de 2019, pero naquel momento, a administración local rexeitou a recepción da instalación.


Desde entón e ata hoxe mesmo, Augas de Galicia estaba a levar a cabo os labores de mantemento e explotación da depuradora de xeito subsidiario e o asunto está a ser dilucidado nos tribunais.


O acto de recepción da depuradora formalizado hoxe supón o recoñecemento e aceptación por parte do Concello do Grove da súa responsabilidade na explotación e mantemento da depuradora no marco das súas competencias na prestación dos servizos de saneamento e depuración municipais.