A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións supervisou hoxe os avances desta actuación do Plan de Sendas na comarca de Ferrol, dotado cun investimento superior aos 4 millóns de euros

Ethel Vázquez avanza que a senda peonil e ciclista na AC-116 permitirá dispoñer este mesmo ano dun itinerario continuo de 5,5 quilómetros ao longo desta estrada no municipio de Valdoviño

Habilitaranse 2,8 km de sendas na marxe dereita desta estrada, entre Riobó e Meirás, que suporá un investimento superior aos 800.000 euros

Coas novas sendas quedará conectado o paseo da lagoa da Frouxeira, que parte da travesía de Lago, tanto desde Narón como desde Valdoviño

Atendendo a unha solicitude municipal tamén se reformará a intersección do acceso á lagoa, eliminando parcialmente o carril central de espera para xirar á esquerda, e executando un paso de peóns que prioriza a circulación peonil

A conselleira de Infraestruturas lembra que xa están rematadas as sendas de Fene, Ares-Mugardos e Cabanas, en execución esta da AC-116 en Valdoviño e aprobado o proxecto do itinerario entre Franza e Rilo, en Mugardos

Sinala que a Xunta segue agardando a que o Concello de Narón presente un proxecto de consenso, acordado cos veciños, para poder materializar a senda proxectada entre o polígono Río do Pozo e a intersección coa estrada AC-114

Valdoviño (A Coruña), 14 de xullo de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que o itinerario peonil e ciclista na estrada que comunica Valdoviño e Ferrol, a AC-116, no que a Xunta está a investir máis de 800.000 euros, estará á disposición dos veciños este mesmo ano e permitirá contar cun itinerario continuo de 5,5 km ao seu paso por este municipio.

Vázquez Mourelle, xunto co alcalde de Valdoviño, Alberto González Fernández, supervisou hoxe o avance das obras que está a executar a Xunta pola marxe dereita da estrada AC-116, no treito comprendido entre Riobó e Meirás.

Trátase de habilitar 2,8 km de sendas, partindo do límite municipal co concello de Narón e desde a travesía de Meirás ata Lago. Unha actuación, en palabras da conselleira, “importante para Valdoviño e para os seus veciños, para facer máis doados, cómodos e seguros os desprazamentos cotiás, a pé ou en bici, da xente”.

A conselleira referiuse aos traballos que xa están executados nun treito de senda en Meirás, desde onde se atopa a panadería cara a Lago, e ás actuacións de saneamento e drenaxe necesarias que están a levar a cabo nestes momentos.

Destacou que a nova senda completará un itinerario peonil continuo ao longo da AC-116, en Valdoviño. Coas novas sendas que se están a executar, e tendo en conta as beirarrúas existentes, quedará conectado o paseo da lagoa da Frouxeira, que parte da travesía de Lago, tanto desde Narón como desde Valdoviño.

Ethel Vázquez lembrou ademais que, atendendo á solicitude do Concello, se vai reformar a intersección do acceso á lagoa, eliminando parcialmente o carril central de espera para xirar á esquerda e executando un paso de peóns, priorizando á circulación peonil. Os vehículos poderán facer o xiro na glorieta existente apenas 300 metros.

O novo itinerario que se está a executar en Valdoviño forma parte do Plan de Sendas para a comarca de Ferrol, que prevé a execución de 6 sendas sostibles, seguras e integradas na paisaxe, cun investimento superior aos 4 millóns de euros. A actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Ethel Vázquez concretou que nestes momentos están xa rematadas as sendas Fene, Ares-Mugardos e Cabanas; en execución o itinerario da AC-116 en Valdoviño; e xa está aprobado o proxecto da senda entre Franza e Rilo, en Mugardos. No caso da senda proxectada en Narón, entre o polígono Río do Pozo e a intersección coa estrada AC-114, lembrou que a Xunta segue agardando a que o Concello presente un proxecto de consenso, acordado cos veciños, para poder materializala.

A conselleira referiuse tamén a outros investimentos que se están a impulsar desde o departamento que dirixe en Valdoviño de cara a mellorar a seguridade viaria e a favorecer a mobilidade.

Adiantou que en breve se adxudicarán as obras de acondicionamento da estrada AC-566, que vai desde Valdoviño a Cedeira, cun investimento de 4,4 millóns de euros. Trátase dun treito de case 4 km desde a saída do núcleo urbano ata A Ramalleira, no que se habilitarán carrís de adiantamento para vehículos lentos en case a metade do treito da actuación.

Imaxes relacionadas