A Xunta apoia mediante o programa Galicia Emprende 39 iniciativas empresariais que mobilizarán 6,5M€ na provincia da Coruña

A Consellería de Economía, Emprego e Industria concede axudas por máis de 1,6 millóns de euros para apoiar proxectos de creación de novas empresas ou de consolidación de compañías nos primeiros 42 meses de funcionamento

Os proxectos aprobados contemplan actividades tanto do sector industrial como dos servizos
 

A Coruña, 15 de xullo de 2020

A Xunta concedeu ao abeiro da última edición do Galicia Emprende, da que se vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da segunda convocatoria, axudas por máis de 1,6 millóns de euros para apoiar 39 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos na provincia da Coruña que prevén desenvolver investimentos de 6,5 millóns de euros.

As iniciativas apoiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, abranguen actividades do sector turístico, da automoción, da alimentación ou comercial entre outros.

Esta liña de axudas está deseñada para impulsar a posta en marcha de proxectos de nova creación e para a consolidación, durante os seus primeiros 42 meses de funcionamento, de iniciativas empresariais de emprendedores ou autónomos.