Xunta e traballadores acordan reclamar por escrito ao Goberno un prezo eléctrico estable e unha auditoría para Alu Ibérica

Solicitan ao Goberno que se traslade á Mesa do Diálogo Social en España a necesidade de establecer un prezo eléctrico competitivo para a industria electrointensiva

Xunta e comité de empresa reclaman, tamén, unha auditoría técnica e financeira para ratificar que se están cumprindo os compromisos adquiridos na venda

A Administración galega segue estando ao lado dos traballadores, defendendo o mantemento dos seus empregos, e ofrecendo a man tendida ao Goberno para colaborar e acadar unha solución
 

A Coruña, 14 de xullo de 2020

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, reuníronse hoxe co comité de empresa de Alu Ibérica co que acordaron solicitar por escrito ao Goberno central que faga unha auditoría técnica e financeira do contrato de venda da factoría e que se traslade á Mesa do Diálogo Social en España a necesidade de establecer un prezo eléctrico competitivo para a industria electrointensiva.

Ao termo da xuntanza, Conde subliñou que Xunta e comité de empresa teñen unha “visión compartida” ante “un obxectivo común”, que é defender os intereses dos traballadores e, polo tanto, que se establezan garantías para que a planta de Alu Ibérica poida manter os seus postos de traballo máis alá do 2021.

Esas garantías, segundo Conde, pasan, en primeiro lugar, por que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico estableza un prezo eléctrico competitivo en igualdade de condicións que o resto de países europeos e se poida garantir así a produción de aluminio primario en Galicia. Por iso, Xunta e comité de empresa van reclamar conxuntamente que haxa un acordo a nivel nacional entre Goberno e sindicatos na defensa desta industria.

En segundo lugar, sinalou a necesidade de que o Goberno, a través do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, faga unha auditoría técnica e financeira para avaliar o grao de cumprimento dos acordos adoptados entre Alcoa e Parter hai un ano e se garantan eses compromisos ata xuño de 2021.

A Xunta segue estando ao lado dos traballadores, defendendo o mantemento dos seus empregos, e ofrecendo a man tendida ao Goberno para colaborar e acadar unha solución. Neste sentido, é necesario que desde a Administración central se convoque a poxa de interrompebilidade para o segundo semestre do ano, se incremente o orzamento das compensacións por emisións de CO², e se aprobe o Estatuto para os consumidores electrointensivos en base ás alegacións presentadas polos gobernos autonómicos de Galicia, Asturias e Cantabria, polos traballadores e pola propia industria. En definitiva, é imprescindible fixar un prezo eléctrico estable para que o sector poida competir nas mesmas condicións que o resto de Europa.
 

Imaxes relacionadas