A Xunta apoia mediante o programa Galicia Emprende 26 iniciativas empresariais que mobilizarán preto de 3,5 M€ na área de Vigo

A Consellería de Economía, Emprego e Industria concede axudas por máis de 747.000 de euros para apoiar proxectos de creación de novas empresas ou de consolidación de compañías nos primeiros 42 meses de funcionamento

Os proxectos aprobados contemplan o mantemento de 40 empregos e abranguen actividades tanto do sector industrial como dos servizos
 

Vigo, 14 de xullo de 2020

A Xunta concedeu ao abeiro da última edición do Galicia Emprende, axudas por máis de 747.000 euros para apoiar 26 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos que prevén desenvolver investimentos de preto de 3,5 millóns de euros na área territorial de Vigo e que levan asociados o mantemento de 40 empregos.

As iniciativas apoiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, abranguen actividades do sector industrial da automoción; do sector agroalimentario; e dos servizos, como centros para maiores e escolas infantís, clínicas dentais, de fisioterapia e podoloxía ou restaurantes especializados, entre outras. O investimento medio por proxecto é de 130.000 euros, correspondéndose sobre o 40% das iniciativas ás impulsadas por autónomos e as restantes por sociedades mercantís.

Por municipios, 20 de estas iniciativas son proxectos con localización en Vigo, cunha inversión superior aos 3 millóns de euros que garanten o mantemento de 30 postos de traballo e unha cantidade concedida de preto de 630.000 euros. Entre eles destaca un hotel boutique cunha inversión de máis de 410.000 euros. Outras dúas corresponden a Cangas coa apertura dunha clínica de podoloxía (30.416 euros de inversión e unha axuda de máis de 9.000 euros) e un salón de beleza (37.003 euros e un apoio de 11.100,95).

En O Porriño, benefícianse desta orde outros dous proxectos. Unha clínica dental na que se investirán 149.748 euros e contará cunha concesión de preto de 43.425 e a ampliación dunha nave industrial cunha inversión prevista de 55.022 euros e un apoio de 15.906 euros.

Por último, a proposta dun servizo de reparación de automóbiles e bicicletas en Pazos de Borbén recibirá unha axuda de 21.592 euros para un investimento que ascende a 71.975 euros; mentres que en Redondela un proxecto empresarial de novos emprendedores prevé unha inversión de 56.192 euros para a que se lle concederon 16.857 euros.