A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións supervisou o resultado da primeira das actuacións de integración paisaxística do Camiño rematada, ao seu paso polo polígono do Tambre, que supuxo un investimento de 2,2 millóns de euros

Ethel Vázquez destaca o investimento de 3,3 millóns de euros da Xunta para facer 'Camiño e cidade' na área industrial entre o polígono do Tambre e o cemiterio de Boisaca

Salienta que a actuación xa acometida na zona empresarial “deixa este ámbito preparado para recibir mellor aos peregrinos” co acondicionamento integral dun treito de 800 metros do Camiño Inglés

Reformouse toda a superficie, reordenáronse os espazos, colocouse mobiliario urbano e habilitáronse espazos verdes, facendo compatible a peregrinación, a actividade industrial e o respecto aos usuarios do cemiterio de Boisaca

Esta actuación verase complementada cunha nova intervención para dotar de novos espazos de aparcamento en ambos os extremos do polígono, que suporá un investimento de 1,1 millóns de euros e que se iniciará en setembro

Cara a finais de verán concluiranse as obras no Camiño Portugués en Conxo e do Camiño Francés na baixada do Monte do Gozo e entre a AP-9 e o pazo de Congresos

As obras da avenida de Lugo estanse a axilizar co obxectivo de que estean acabadas a finais deste ano ou principios do vindeiro
 

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, destacou hoxe o investimento de 3,3 millóns de euros que está a acometer a Xunta no Camiño Inglés á súa entrada en Compostela para facer “Camiño e cidade” na área industrial entre o Polígono do Tambre e o cemiterio de Boisaca.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade supervisou esta mañá o resultado da primeira das actuacións de integración paisaxística do Camiño xa rematada, ao seu paso pola zona empresarial do Tambre, que supuxo un investimento de 2,2 millóns de euros. No acto tamén participaron o director da Axencia Galega de Infraestruturas, ademais de membros da corporación municipal e representantes da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre.

Ethel Vázquez lembrou que este investimento de 2,2 millóns da Xunta permitiu executar unha reforma de toda a superficie e reordenar os espazos, facendo compatible a peregrinación co traballo no polígono e co respecto aos usuarios do cemiterio de Boisaca, deixando este ámbito preparado “para recibir mellor aos peregrinos co acondicionamento integral dun treito de 800 metros do Camiño Inglés”.

A intervención permitiu, ademais, unha mellor integración paisaxística, que se viu complementada coa colocación de elementos de mobiliario urbano, como peches ou luminarias, e a incorporación de espazos verdes que amortiguarán as molestias do tráfico sobre os camiñantes e peregrinos.

“Levamos moito tempo traballando e xa comezamos a ver os resultados, empezando por esta zona empresarial do Tambre onde, a pesar dos efectos da covid, as obras están practicamente finalizadas, restando só algúns remates e a retirada dos grandes apoios das liñas de media tensión, que foron soterradas”, sinalou Ethel Vázquez.

Lembrou, ademais, que esta intervención se verá complementada con outra actuación que está nestes momentos en proceso de adxudicación, para dotar novos espazos de aparcamento en ambos os extremos do polígono. Unha actuación nas rúas das Mulas e Garabal que suporán un investimento de 1,1 millón de euros e que se empezará a executar en setembro.

Trátase, en palabras de Ethel Vázquez, de obras “importantes” pola mellora que supoñen para os peregrinos, para os empresarios e traballadores do Tambre e tamén para os veciños de Compostela, tendo en conta que nesa zona se sitúa o cemiterio municipal de Boisaca.

E “importantes” tamén, engadiu, “porque estas obras forman parte dun proxecto ambicioso e ilusionante emprendido pola Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Santiago, co obxectivo de preparar a capital de Galicia para acoller nas mellores condicións o Xacobeo 2021”. Para iso a Xunta ten deseñado un conxunto de actuacións de integración paisaxística no Camiño Inglés, ao seu paso polo polígono do Tambre; no Camiño Francés, entre o Monte do Gozo e San Lázaro e na avenida de Lugo; e no Camiño Portugués, en Conxo, ás que destina preto de 10 millóns de euros que se verán complementadas coas actuacións que executa o Concello de Santiago, fundamentalmente na rúa Concheiros.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade remarcou que no polígono do Tambre “comezamos a ver cumprido o obxectivo que nos marcamos de finalizar neste ano 2020 os grandes proxectos que desenvolvemos en Santiago”. Lembrou que se está a traballar para, cara a finais do verán, concluír as obras no Camiño Portugués en Conxo e do Camiño Francés na baixada do Monte do Gozo e entre a AP-9 e o pazo de Congresos; así como a axilizar as obras da avenida de Lugo, para que poidan acabar este ano ou a principios do vindeiro; e que no outono estarán en servizo a estación de autobuses da intermodal e a pasarela.

En definitiva, concluíu Ethel Vázquez, “estamos a traballar a pleno rendemento para que Santiago acolla en 2021 o Xacobeo máis necesario da historia e impulse a reactivación e a dinamización económica”.

Imaxes relacionadas