Extinguido o incendio forestal do concello coruñés da Pobra do Caramiñal, parroquia de Lesón

Segundo as últimas medicións con GPS, afectou unha superficie de 47,29 hectáreas, a maior parte de monte arborado

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2020

A Consellería do Medio Rural informa de que o lume forestal rexistrado no concello da Pobra do Caramiñal, parroquia de Lesón, deuse por extinguido ás 13,26 h. de hoxe, tras iniciarse ás 03,38 h. da madrugada de onte.

Segundo as últimas medicións con GPS, este incendio afectou unha superficie de 47,29 hectáreas, das cales 40 corresponden a monte arborado e as restantes 7,29 a raso. Para a súa extinción mobilizáronse en total 7 axentes, 19 brigadas, 8 motobombas, 1 pa, 4 avións e 7 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.