A Xunta mantén aberto ata o 3 de agosto o prazo para solicitar axudas para proxectos de renovables térmicas dirixidos a empresas, entidades sen ánimo de lucro e administracións

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, mantivo un encontro con representantes do sector para informarlles das medidas que se están poñendo en marcha a través do Fondo de enerxía para autónomos e pemes enmarcado no Plan de reactivación económica

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2020

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, mantivo un encontro esta mañá con representantes do sector das enerxías renovables térmicas e eléctricas e de empresas de servizos enerxéticos para informar das medidas que se están poñendo en marcha neste eido.

O director xeral referiuse ao Fondo de enerxía para autónomos e pemes, dotado con 17,2M€ e aprobado polo Consello co obxectivo de impulsar a competitividade empresarial mediante axudas para o fomento das renovables e da eficiencia enerxética.

A iniciativa forma parte do Plan de reactivación económica de Galicia e céntrase en conseguir importantes reducións no consumo enerxético e na factura da luz para apoiar ao tecido empresarial galego, autónomos e comerciantes no actual contexto económico. En concreto, o Fondo de enerxía para autónomos e pemes contempla tres liñas de axudas.

A primeira está aberta ata o 3 de agosto e destina 2,7M€ para apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables térmicas destinados a empresas, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas locais mediante concorrencia competitiva. Apoiaranse proxectos de biomasa, xeotermia, aerotermia e solar térmica. A intensidade da axuda será do 50% no caso de gran empresa, 60% mediana e 70% para pequenas empresas. Tamén este mes de xullo se activará a segunda liña, dirixida a proxectos de fotovoltaica para autoconsumo, que contará cun crédito de 4,5M€. Por último, a terceira liña reserva 10M€ para apoios de aforro e eficiencia na industria e nos servizos.

O director xeral de Enerxía e Minas tamén informou de que, tras o verán, se activará unha nova convocatoria para proxectos de enerxías renovables térmicas con fondos Feder do IDAE dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España.

Biomasa

A Xunta publicou onte a resolución de axudas da convocatoria para proxectos de biomasa destinados a particulares. Concédense un total de 192 apoios por un importe de 0,95M€ para proxectos que permitirán un aforro anual de enerxía de 5000MWh ao ano e de preto de 0,2M€ na subministración enerxética e unha redución de emisións de 1500 toneladas de CO2 ao ano.

Imaxes relacionadas