Conde pon en valor a competitividade das entidades de economía social e o seu traballo para iniciar o camiño da recuperación

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe na delegación territorial da Xunta en Vigo nun webinario sobre economía social para informar das liñas de financiamento dispoñibles

As empresas de economía social poderán acceder a préstamos directos de entre 3000 e 200.000 euros, libres de comisión e de xuros e sen necesidade de achegar garantías

O encontro forma parte da rolda de contactos que desde a Xunta estase a manter con diferentes axentes e sectores económicos para escoitar as súas demandas e informarlles dos instrumentos e medidas para paliar os efectos xerados pola pandemia

Vigo, 10 de xullo de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Vigo, nun webinario sobre economía social, a competitividade das entidades deste colectivo e o esforzo que están a desenvolver para facer fronte aos efectos xerados pola covid-19, ao tempo que lembrou o importante papel que xogan na economía galega: a súa actividade representa o 7% do PIB.

O encontro forma parte da rolda de contactos que desde a Xunta estase a manter con diferentes axentes e sectores económicos para escoitar as súas demandas e informar dos instrumentos e medidas que se están poñendo en marcha para paliar as consecuencias da pandemia e poder, desta forma, recuperar o antes posible a actividade.

O titular de Economía, deste xeito, destacou que o Consello da Xunta aprobou onte mesmo tres liñas de financiamento que mobilizarán 120M€ entre autónomos, micropemes e pemes. O conselleiro centrouse nos préstamos directos aos que, por valor de 10M€, as entidades de economía social poderán acceder.

Así, este colectivo poderá acceder a préstamos directos de entre 3000 e 200.000 euros libres de comisión e de xuros e sen necesidade de achegar garantías. Contan cunha achega de ata o 75% tanto de necesidades de liquidez como de investimento de cada empresa cun ano para a devolución.

O obxectivo da iniciativa é facilitar o crédito a este colectivo, entre outros, para que o impacto sobre a súa actividade sexa o menor posible.

O titular de Economía ratificou o apoio da Administración autonómica ás entidades de economía social destacando que a Xunta seguirá ao seu carón para reforzar a Marca Galicia e seguir sendo un referente de calidade e competitividade.

Conde recordou, ademais, que Galicia conta con valores engadidos para facer fronte aos efectos da crise sanitaria e incidiu que nestes momentos o labor céntrase en identificar as necesidades máis urxentes das empresas e dos traballadores, desde o diálogo e a busca de consensos.