A Xunta realizará test de detección da covid-19 a todos os efectivos da Policía Autonómica

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, asinaron esta mañá o protocolo de actuación para o control da covid-19 no persoal da Policía Autonómica

O documento recolle que se incluirá o coronavirus nos estudos epidemiolóxicos entre as forzas de seguridade e contidos sobre as medidas de hixiene, prevención e control de casos da covid-19 na formación do seu persoal
 

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2020

Os axentes da Policía Autonómica contarán cun protocolo para a prevención e a detección precoz de eventuais casos positivos por covid-19 para garantir a seguridade de todos os seus efectivos, aos que se lle realizarán test de detección da enfermidade en centros do Servizo Galego de Saúde.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, asinaron esta mañá este protocolo dirixido ao control da covid-19 entre o persoal da Policía Autonómica co obxectivo de que poidan levar a cabo as súas funcións con tódalas garantías sanitarias. Probas que se están facendo aos axentes da Policía local dos concellos galegos, aos alumnos que están en formación na Agasp e á Garda Civil, mentres que a Policía Nacional rexeitou o ofrecemento do Goberno galego de facer os test entre os seus efectivos.

O documento recolle que no caso de que o resultado do test realizado sexa positivo ou se se presente sintomatoloxía, poderase completar a diagnose en base aos criterios do Protocolo para a detección da infección polo virus SARS-Cov-2 nos profesionais.

No protocolo tamén se sinala que os efectivos da Policía Autonómica deben extremar as medidas de illamento social vixentes e restrinxir os contactos limitándoos ao imprescindible, tendo en conta que na súa actividade se lles esixe estar máis expostos e en contacto directo coa cidadanía. De feito, entre as actuacións que están a levar a cabo destacan os dispositivos no marco do Plan de actuación específico destinado á inspección e control das medidas adoptadas polas autoridades competentes para facer fronte á crise sanitaria provocada pola covid-19.

En caso de que algún dos efectivos deste corpo de seguridade presentase síntomas respiratorios ou tivese contacto con un enfermo sintómatico de coronavirus, o protocolo aconsella seguir as medidas preventivas do Plan de Actuación fronte á covid-19 da Dirección Xeral da Policía. Ademais, incluirase o coronavirus nos estudos epidemiolóxicos que se leven a cabo entre as forzas e corpos de seguridade e na formación do seu persoal tamén se destinará unha parte ás medidas de hixiene, prevención e control de casos de covid-19.

Nesta liña, a Xunta tamén asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) un convenio para controlar os casos de coronavirus entre a policía local dos concellos aos que se lles realiza test serolóxicos de dobre banda para a súa detección. Os 134 alumnos da 12ª promoción de Policía Local que se está a formar na Academia de Seguridade Pública (Agasp) tamén se someteron a estas probas esta semana e todas deron resultado negativo.