A Xunta sinala en Lugo que a orientación laboral é clave para promover a integración e calidade no traballo das persoas con discapacidade

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou hoxe o centro de recursos de Cogami, no que se ofrecen servizos de información, orientación, formación e promoción da autonomía persoal

Destacou que a cualificación especializada é un garante para a empregabilidade

Informoulles de que as axudas autonómicas destinadas a apoiar o emprego de 3200 traballadores con discapacidade de 110 centros especiais publicaranse este mes no Diario Oficial de Galicia (DOG)

Lugo, 10 de xullo de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou hoxe en Lugo o centro de recursos de Cogami no que a entidade ofrece, entre outros, servizos de orientación e intermediación laboral, formación para o emprego, información e promoción da autonomía persoal. Conta, ademais, cun centro de día con 27 prazas ocupadas.

Casal mantivo un encontro co persoal de orientación, coordinación e dirección da entidade para escoitar as súas principais demandas e indicarlles a importancia da colaboración entre as distintas asociacións á hora de definir materias que se adecúen ao actual escenario laboral poscovid-19. Neste senso, informoulles sobre as axudas postas en marcha pola Xunta de Galicia para seguir promovendo na Comunidade autónoma a integración e calidade no traballo das persoas con discapacidade.

Así, destacou que este mesmo mes de xullo, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará as axudas destinadas a apoiar o emprego de 3200 traballadores con discapacidade de 110 centros especiais. Cun investimento de 17,2M€, o programa permitirá apoiar a creación, ampliación, continuidade e adaptación dos postos de traballo, así como o mantemento do custo salarial dos seus traballadores e a contratación de unidades de apoio.

Esta convocatoria introduce como novidade medidas excepcionais para a concesión das axudas e a tramitación dos pagamentos anticipados no caso de expedientes de regulación de emprego temporal (Ertes) derivados da pandemia da covid-19. Así, en todos os programas, o feito de que a persoa pola que se solicita a axuda estea afectada por un Erte non impide a concesión do apoio.

Casal tamén sinalou que a Xunta vén de resolver, cunha contía de 6,7 millóns de euros, a convocatoria de axudas destinada aos concellos e entidades sen ánimo de lucro que presten servizos de orientación laboral para o emprego e asistencia para o autoemprego. Estes apoios teñen como obxectivo mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego.

Orientación e formación

Neste senso, destacou que a orientación e a formación especializada son claves para integrar no mercado laboral ás persoas con discapacidade e, deste xeito, avogou pola posta en marcha de programas para o emprego que inclúan información, unha diagnose individual dos participantes, asesoramento, motivación e o acompañamento nos procesos de acceso e cambios laborais.

Así mesmo, apuntou que a formación de calidade e especializada facilitará a inserción laboral das persoas con discapacidade no novo horizonte socioeconómico, avogando por responder coa máxima eficiencia ás demandas de perfís e competencias por parte das empresas.

Para rematar, o director xeral agradeceu o labor que desempeña Cogami no eido laboral, poñendo en valor que no primeiro semestre deste ano, a través do seu servizo de emprego, atendeu a preto de 4.000 persoas, xestionou máis de 450 ofertas de traballo e mantivo preto de 800 contactos con empresas ou entidades. Así, acadou que 880 persoas atoparon un emprego das que preto de 110 foron en Lugo.

Imaxes relacionadas