A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá o albergue xuvenil das Sinas en Vilanova de Arousa

A Xunta ultima a adaptación dos campamentos e albergues ás máximas garantías de seguridade para a campaña de verán

Un total de 240 mozas e mozos de entre 13 e 17 anos participarán nas actividades destas instalacións en catro quendas diferentes

Entre as medidas preventivas adoptadas nos campamentos destacan: a redución do aforo, a adopción de medidas para garantir a distancia social e o reforzo do número de monitores por participante

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 10 de xullo de 2020

A Xunta ultima a adaptación dos campamentos e albergues xuvenís ás máximas garantías de seguridade para a campaña de verán que dará comezo o próximo 15 de xullo. A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta mañá as instalacións das Sinas, en Vilanova de Arousa, onde o 100% das prazas ofertadas foron cubertas.

A conselleira destacou que o albergue das Sinas é un dos campamentos máis reclamados entre a xuventude pola súa localización e as súas instalacións. Un total de 240 rapazas e rapaces de entre 13 e 17 anos participarán nas catro quendas, con 60 mozas e mozos por cada unha. Isto significou reducir o aforo deste campamentos das Sinas nun 50%, o que permitirá garantir o distanciamento social de 1,5 metros.

Entre as medidas adoptadas nos distintos campamentos de Galicia destacan a limitación do aforo, a adopción de medidas para garantir a distancia social e o reforzo de monitores por participante. A ratio de persoal será dun monitor por cada tres nenos, mentres a normativa fixa un monitor por cada dez rapaces.

Fabiola García sinalou que o obxectivo dos últimos meses foi adecuar os campamentos ás medidas de seguridade para ofrecer un servizo seguro para as familias e para as nenas e nenos. Neste sentido, recomendou ás familias que este servizo de conciliación ten demostrado contar coas mellores instalacións e ter os mellores profesionais, pero agora tamén contar con todas as medidas necesarias para facer fronte á nova realidade.

Imaxes relacionadas