A Xunta apoia 11 contratos de persoal de alta cualificación en oito empresas e tres centros de investigación de Santiago, Vigo, a Coruña e Lugo

A través do programa Talento Sénior concédense axudas por valor dun millón de euros para seguir consolidando o sistema galego de I+D+i

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2020

A Xunta vén de resolver a terceira convocatoria do programa Talento Sénior ao que destinará 905.405,91 euros para seguir consolidando o sistema galego de I+D+i, así como para atraer e reter talento.

As axudas, centradas na atracción e retorno de investigadores doutores e tecnólogos con carreiras consolidadas, permitirá apoiar un total de 11 contratos. En concreto, beneficiaranse desta iniciativa oito empresas e tres organismos de investigación e centros tecnolóxicos da área de Vigo, Santiago, Lugo e A Coruña que contarán con especialistas en eidos da I+D+i ligados á biotecnoloxía, enerxía, medio ambiente, saúde, fabricación industrial, servizos profesionais científicos e técnicos ou tecnoloxías da información. Os beneficiarios son Edafotec, Energanova, Eccocar Sharing; Netun Solutions, Instituto de Investigacións Mariñas e Aimen, na área de Vigo; Linknovate Science, Mestrelab Research, Galaria Empresa Pública de Servicios Sanitarios, en Santiago de Compostela; a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia, na Coruña; e Technology Energy Chain XXI, en Lugo.

O programa establece un salario mínimo bruto de 40.000 euros anuais. O incentivo contemplado nesta orde vai entre o 40% ata o 60% por cada contrato indefinido ou de duración igual ou superior a 3 anos. Das contratacións que se van realizar -con apoios entre o 40 e o 60%- oito serán contratos indefinidos e sete correspóndense con candidatos retornados de Madrid e Barcelona, entre outros puntos de España, e de Francia e Brasil. Esta iniciativa enmárcase, xunto con outras como Oportunius, Principia ou Ignicia, no programa Talento 21 que ten como obxectivo xerar, reter e atraer 1500 profesionais a Galicia.

Este programa, xunto con outras medidas postas en marcha pola Xunta, supón un estímulo para que as empresas leven a cabo en Galicia as súas actividades de I+D+i, actúa como un elemento tractor na mobilización e atracción de capital privado para os procesos de innovación galegos, impulsa a competitividade do tecido empresarial e apoia a creación, retención e atracción de talento e postos de traballo cualificados.

Imaxes relacionadas