A Xunta repartiu aos locais electorais o material de prevención e protección preciso para votar con seguridade o domingo

Un dos locais do concello de Friol acolleu hoxe unha demostración para poñer en práctica as medidas de prevención sanitaria recollidas no protocolo elaborado polo Goberno galego

Aos votantes facilitaráselle unha máscara se non a traen da rúa e tanto as persoas integrantes das mesas electorais como os interventores e apoderados dos partidos políticos contarán cunha pantalla facial e máscaras para usar durante toda a xornada

Nos máis de 2.000 locais electorais de Galicia colocouse cartelería para explicar as pautas sanitarias e para indicar os itinerarios de circulación, e marcas para manter a distancia de seguridade

Friol (Lugo), 9 de xullo de 2020

A Xunta distribuíu entre os 2.395 locais electorais de Galicia o material de prevención e protección necesario para que na xornada electoral deste domingo a votación se realice de forma segura en base ás pautas do protocolo de medidas de prevención sanitaria elaborado polo Goberno galego. Nun dos locais do concello de Friol puxéronse en práctica todas estas medidas durante un simulacro.

En todos os locais, estará instalada cartelería para facilitar o seguimento das pautas sanitarias, así como para indicar os fluxos de circulación de entrada e saída e a distancia de seguridade que hai que manter no seu interior.

Os representantes da Administración con funcións de vixilancia e supervisión velarán polo cumprimento das medidas recollidas no protocolo na xornada electoral. Ademais de vixiar que se manteña a distancia de seguridade entre os votantes, contribuirán a evitar aglomeracións mediante o control do acceso e do aforo dando prioridade ás persoas maiores de 65 anos ou con algún tipo de discapacidade.

O uso da máscara será obrigatorio e os votantes deberán hixienizar as mans antes de despois de proceder ao voto. Por iso, a Xunta tamén puxo a disposición dos locais electorais máscaras para os votantes que non a traian da rúa. Tamén as persoas integrantes da mesa electoral e os interventores e apoderados dos partidos políticos contarán con máscaras e xel hidroalcohólico para a toda xornada, xunto cunha pantalla facial.

Unha vez que cheguen á zona de votación os electores deberán deixar o seu DNI nunha bandexa para que as persoas integrantes da mesa poidan realizar a súa identificación minimizando o contacto. Á hora de votar non será necesario manipular as cortinas na cabina de votación pero estará orientada de maneira que se garanta igualmente o segredo ao voto.

Ademais, durante toda xornada electoral intensificarase a ventilación e as actuacións de limpeza e desinfección, tanto ao inicio como ao longo do día e facendo fincapé nas superficies máis expostas.

Imaxes relacionadas