A Xunta destaca a importancia da formación para potenciar o liderado feminino no ámbito empresarial

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, participou hoxe en Santiago de Compostela nun networking con motivo do programa Son Executiva no que participan 400 mulleres co obxectivo de impulsar os seus proxectos empresariais

Subliñou a importancia de reforzar medidas encamiñadas a rebaixar a fenda salarial, potenciar a presenza feminina en postos de responsabilidade e facilitar a conciliación

Son Executivas, cunha aposta clara pola formación e a innovación, ofrece as ferramentas necesarias para que as mulleres galegas poidan desenvolver os seus plans de negocio

Casal lembrou que xa se pode solicitar o Cheque Autónomo co que se financia con ata 1800 euros os gastos do día a día deste colectivo

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, participou hoxe en Santiago de Compostela nun networking do programa autonómico Son Executiva, no que 400 mulleres están a mellorar as súas habilidades, a través da formación, para poñer en marcha ou reforzar os seus proxectos empresariais. A iniciativa diríxese tanto a directivas, profesionais con experiencia e empresarias en activo, como a mulleres que acaban de obter o seu título universitario ou de Formación Profesional (FP).

Son Executiva enmárcase no programa Emprega en feminino da Xunta de Galicia que ten como obxectivo habilitar as condicións laborais idóneas para que as emprendedoras e autónomas traballen sen restricións. É un programa gratuíto de formación e coaching que busca potenciar o liderado feminino no ámbito empresarial.

Casal puxo en valor o traballo das emprendedoras e autónomas galegas que están a liderar a actividade profesional para contribuír á reactivación económica e sinalou a importancia de fortalecer a posta en marcha de medidas encamiñadas a rebaixar a fenda salarial, potenciar a presenza feminina en postos de responsabilidade e facilitar a conciliación.

Apuntou, ademais, que unha Galicia que aposta polas mulleres emprendedoras está a apostar pola diversidade, a creatividade e polo seu empoderamento, ao tempo que destacou a importancia de reforzar os programas de conciliación e alimentar unha cultura de maior corresponsabilidade que faga da conciliación un traballo compartido.

No networking, o director, ademais, informou sobre que o prazo para solicitar o Cheque Autónomo xa está aberto. Trátase dunha medida posta en marcha pola Xunta de Galicia a través do Plan de recuperación económica, que financia con ata 1800 euros os gastos do día a día deste colectivo como son a loxística e o transporte de envíos (ata 3€ por envío); o pagamento por estar nunha plataforma de e-commerce local; o pago por licenza de uso de software de venda online; promoción en redes sociais; gastos correntes de seguridade motivados pola covid-19, entre os que se encontran os gastos en máscaras, guantes, desinfectante, limpeza, biombos e asesoramento en prevención de riscos laborais; e os gastos de subministracións e telecomunicacións.

O cheque inclúe anticipos do 100% cubrindo os gastos realizados desde a declaración do estado de alarma ata o 31 de decembro deste ano. Con esta iniciativa preténdese favorecer a consolidación dun emprego autónomo estable e de calidade.
Para rematar, Casal incidiu na importancia de seguir apoiando ás profesionais galegas, potenciando o liderado feminino nos ámbitos empresarial e laboral.

Imaxes relacionadas