Carmen Pomar salienta a importancia da colaboración empresarial para a inserción laboral da FP

A conselleira de Educación visitou a empresa Carpintería Metálica Aluman S.L, en Arteixo, que acolle en prácticas alumnado de FP

Arteixo (A Coruña), 3 de xullo de 2020

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, salientou hoxe a importancia da colaboración empresarial para a inserción laboral dos titulados da Formación Profesional galega. Fíxoo nunha visita á empresa Carpintería Metálica Aluman S.L (Arteixo), que colabora co proxecto de FP Dual do ciclo superior de Proxectos de Edificación que imparte o CIFP Someso. Na súa visita a conselleira estivo acompañada polo director do CIFP Someso, Juan Carlos González Purriños.

A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou que un dos alumnos desta FP Dual está a realizar o período de actividade profesionalizadora nesta empresa. Ademais, outros catro alumnos titulados do mesmo ciclo – nese caso do réxime ordinario e tamén do CIFP Someso- acaban de ser contratados por esta compañía, ao acabar o módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT) nas súas instalacións

Neste sentido a conselleira explicou que a función tanto da FCT como a filosofía da propia FP Dual é achegar o alumnado da FP galega a situacións laborais reais, nas que poden amosar a súa cualificación e aprender as dinámicas habituais dun centro de traballo. Isto contribúe a facilitar a posterior inserción laboral dos estudantes, que en moitas ocasións é contratado polas propias empresas nas que realizan as prácticas.

Así mesmo, e máis no caso da Dual, esta colaboración constitúe unha oportunidade para que as empresas cualifiquen alumnado en función das súas propias necesidades, nutríndose tamén das experiencias innovadoras que o alumnado adquire nos centros de FP.

Matrícula aberta

A conselleira recordou, así mesmo, que hoxe remata o prazo ordinario de matrícula de FP para o vindeiro curso 2020/2021. Na provincia da Coruña ofértanse 12.326 prazas en primeiro curso en centros públicos (en números moi similares ao curso anterior), en 501 ciclos e programas formativos autorizados. Delas, 8.951 forman parte do réxime ordinario –3.425 en grao medio, 3.834 en grao superior, 1.422 en FP Básica e 270 en programas formativos para persoas con necesidades específicas de atención educativa-, mentres que outras 1773 son do réxime modular para persoas adultas – 868 en grao medio e 905 en grao superior-, e 1300 do réxime modular a distancia – 500 en grao medio e 800 en grao superior-.

No referido á FP Dual ofértase un total de 302 prazas (138 en grao medio e 164 en grao superior), abrindo matrícula en 22 proxectos de Dual na provincia.

Ademais, a oferta inclúe a implantación de 2 cursos de especialización na provincia, dirixidos a alumnado xa titulado, en concreto o de Ciberseguridade en entornos das tecnoloxías de operación (CIFP Politécnico de Santiago) e o de Ciberseguridade en entornos das tecnoloxías da información (CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, Ferrol)

Imaxes relacionadas