Mañá abre o prazo para que as mozas e mozos galegos envíen proxectos nunha nova edición do programa Xuventude Crea

A convocatoria inclúe dúas novas disciplinas: a creación de videoxogos e novela curta

O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 19 de agosto

Cada unha das 14 especialidades contará cun premio para os tres primeiros clasificados de entre 3.000 e 1.000 euros
 

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2020

A Xunta de Galicia convoca unha nova edición do programa Xuventude Crea, que premia a mozas e mozos galegos polos seus traballos creativos en 14 especialidades. Como novidade, nesta edición inclúense dúas novas categorías, que son creación de videoxogos e novela curta, que se engaden ás de cociña, teatro, artes plásticas, fotografías, música, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, deseño de xoias, moda e danza moderna. O prazo para enviar proxectos comeza mañá xoves e rematará o próximo 19 de agosto.

A novela curta galardoada cun primeiro premio poderá ser obxecto de edición e publicación, e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado asumirá os custos da primeira edición, de ser o caso. Ademais, cada unha das especialidades contará con tres premios. O primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros; e mencións de honra sen dotación económica.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases desta nova convocatoria. O programa Xuventude Crea trata de fomentar a actividade creadora da xuventude galega, facilitando a súa promoción e a difusión da súa obra. Está dirixido a mozas e mozos galegos, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2020.

14 especialidades

Máis polo miúdo e con respecto a cada unha das especialidades, cómpre apuntar que no caso da denominada como artes plásticas inclúe pintura e escultura. O tema e as técnicas para participar serán libres e en escultura o peso máximo da obra non pode superar os 50 quilos.

En canto á banda deseñada, a temática será libre con textos en lingua galega; a técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor. O formato deberá ser en DIN A-4 ou DIN A-3 e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas. En caso de que a obra fose feita en formato dixital, á parte dunha versión impresa deberá xuntarse un CD ou DVD cos arquivos orixinais.

Para cociña, os proxectos poderán ser individuais ou en parella. A receita presentada por cada participante, individual ou en parella, pode ser a elaboración dun prato salgado ou doce. A base do prato será a utilización de produtos avalados polas diferentes denominacións de orixe de Galicia ou ben pola Federación de Prazas de Abastos de Galicia. O tempo de elaboración do prato non poderá exceder de 2 horas.

Na categoría de deseño de xoias a colección estará composta por tres pezas. O remate das pezas debe traballarse en metal con pezas de xoiería, excluíndo a utilización de fornituras compradas. A comisión seleccionará aqueles traballos que destaquen, especialmente, pola súa creatividade, a selección dos materiais e os acabados.

En fotografía, o tema e a técnica serán libres. Xunto coa documentación os participantes presentarán en CD, unha ou varias fotografías, ata un máximo de 6, en cor ou branco e negro. Valorarase a orixinalidade, a técnica, a presentación e a calidade da obra.

As obras de graffiti o tema e a técnica serán libres e de ter texto, este deberá estar en galego. Os traballos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de 3 membros. Á fase final poderán chegar un máximo de dez participantes.

No apartado de moda os participantes presentarán unha colección coherente de 5 modelos de home ou muller. Terá que definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Presentaranse estes deseños en láminas de formato DIN A-3 (297 mm x 420 mm), con deseño de fronte e de costas. A comisión poderá avaliar para a exposición a un máximo de 10 participantes.

No ámbito musical poderán participar solistas e grupos de pop, folk, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea. Admitirase que ata un 25% dos compoñentes do grupo supere os 30 ano e poderá superar a idade máxima a persoa que desenvolva a función de acompañamento musical cos participantes que se presenten como solistas.

Para poesía o tema e a técnica serán libres. As obras, que deberán estar feitas a ordenador e en galego, terán unha extensión mínima de 50 versos e máxima de 100. En canto á novela curta, as obras deberán estar inéditas, ser orixinais, feitas en galego. Terán unha extensión mínima de 80 páxinas e máxima de 200, a ordenador e a dobre. O proxecto gañador do primeiro premio poderá ser obxecto de edición e publicación, e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado asumirá os custos da primeira edición, de ser o caso.

Na especialidade de teatro, poderán concorrer grupos teatrais, non profesionais, compostos por persoas galegas ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2020. Admitirase que ata un 25% das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos ou teñan entre os 14 e 16 anos. As representacións serán en lingua galega. As obras poderán ser de autoría galega, española ou estranxeira e poderán presentarse obras orixinais. A duración da representación de cada obra non poderá exceder dunha hora e trinta minutos.

A especialidade de danza moderna incluirá catro disciplinas: contemporáneo, danza urbana, lírico e danza experimental. Os proxectos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso, poderán ter un máximo de 30 integrantes. A duración da actuación non pode superar os cinco minutos e a coreografía debe ser inédita.

Os participantes de videocreación poderán presentar obras cun tema libre, máis deberá dar prioridade aos contidos artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental. A duración de cada obra será dun mínimo de dous minutos e dun máximo de oito. A realización das obras debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2019.

Por último, a nova incorporación da modalidade de creación de videoxogos poderá ser individual ou en grupo. Neste último caso, deberán ter un máximo de cinco integrantes. Admitirase que ata o 25% das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos. Os proxectos consistirán nun prototipo funcional ou xogo completo co aspecto e calidade final. Serán orixinais, inéditos e os textos e o son deberán estar en galego, agás a banda sonora que poderá estar en calquera lingua.
 

Imaxes relacionadas