A Xunta amplía en máis do triplo a dotación do programa cultura no Camiño 2020 para chegar a concellos de toda Galicia

O DOG publica hoxe a reformulación destas subvencións que, no marco do plan de reactivación do sector cultural, aumentan o seu orzamento de 230.000 a 750.000 euros e se estenden a todos os municipios

A versión renovada deste circuíto escénico-musical terá lugar do 15 de xullo ao 15 de outubro baixo a denominación Cultura no Camiño +

As entidades locais interesadas poden solicitar desde mañá estas axudas para a contratación de compañías e grupos profesionais
 

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2020

A Xunta de Galicia reformula as bases das subvencións do programa Cultura no Camiño 2020 para ofrecer do 15 de xullo ao 15 de outubro unha versión ampliada deste circuíto de espectáculos escénico-musicais, ao abeiro do plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19. Así se recolle na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, segundo a que a dotación que a Consellería de Cultura e Turismo destina á oitava edición desta iniciativa aumenta en máis do triplo, pasando de 230.000 a 750.000 euros, ademais de se estender a todos os concellos de Galicia interesados en participar.

Estas novas bases veñen substituír as que foran publicadas o pasado 28 de febreiro e que, como en anteriores edicións, se circunscribían aos municipios situados ao longo do Camiño de Santiago. O obxectivo desta modificación é reforzar os obxectivos fundacionais do programa, que pasa a denominarse Cultura no Camiño +, impulsado tanto a contratación dos espectáculos producidos de xeito profesional en Galicia como a dinamización cultural das localidades nas que se leva a cabo, con concertos e montaxes de moi variados xéneros e formatos.

Patrocinio de Gadis

Como en anos anteriores, a Consellería de Cultura e Turismo desenvolve esta iniciativa a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia, ademais de volver contar coa colaboración de Gadis como empresa patrocinadora.

Mediante esta nova convocatoria, a Administración autonómica incrementa do 50% ao 80% a súa achega ao financiamento das actuacións de teatro, danza, música, novo circo ou maxia contratadas por concellos pequenos (menos de 20.000 habitantes) ao abeiro de Cultura no Camiño +, porcentaxe que se eleva do 40% ao 60% para o resto dos municipios. Aumentan, así mesmo, as contías máximas das subvencións outorgables: 4800 euros para os concellos de máis de 20.000 habitantes (fronte aos 3500 euros que fixaban as anteriores bases) e 4000 euros para os de menor poboación (antes 2500 euros).

Concesión por orde de solicitude

O período de solicitude para as entidades locais estará aberto desde mañá e ata o 10 de agosto na sede electrónica da Xunta de Galicia e para a súa concesión seguirase un procedemento abreviado, segundo o que as axudas serán outorgadas por orde cronolóxica da solicitude, sempre que se cumpran os requisitos da convocatoria, ata o esgotamento do crédito ou a fin do prazo.

Os departamentos de Cultura dos concellos adxudicatarios serán os encargados de elaborar cadansúa oferta escénico-musical dentro do circuíto, a partir dun catálogo integrado polas máis de 700 compañías e bandas de música profesionais que se inscribiron nesta oitava edición.

O ano pasado foron 76 as localidades das rutas xacobeas que acolleron os 284 concertos e representacións escénicas a cargo das 127 formacións galegas programadas dentro do circuíto.
 

Imaxes relacionadas