O Consello Reitor de Augas de Galicia aborda a convocatoria das primeiras axudas para a mellora da calidade da auga das traídas veciñais por importe de 750.000 euros

Os incentivos cubrirán o 80% do financiamento das actuacións que resulten elixidas, ata un máximo de 15.000 euros por proxecto

O 30% do importe da convocatoria, 225.000 euros, destinaranse ao financiamento de actuacións que presenten comunidades de usuarios de ata 50 membros e os 525.000 euros, o 70%, as comunidades de usuarios con máis membros

Serán subvencionables a implantación ou mellora dos sistemas de tratamento de augas, a mellora das infraestruturas de almacenamento ou a realización de análises da auga para comprobar a súa calidade

Os interesados terán un mes de prazo para presentar as súas solicitudes desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia
 

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2020

O Consello Reitor de Augas de Galicia abordou, na súa reunión ordinaria desta mañá, a convocatoria das primeiras axudas para a mellora da calidade da auga das traídas veciñais, por importe de 750.000 euros, para os exercicios 2020 e 2021.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, deu conta no Consello Reitor da sinatura da resolución para a convocatoria destes incentivos, destinados a mellorar a calidade da auga dos abastecementos xestionados por comunidades de usuarios, que sairá publicada en vindeiros días no Diario Oficial de Galicia.

Poderán ser beneficiarios das axudas as comunidades de usuarios que acrediten incumprimentos de parámetros sanitarios da calidade das augas, mediante analíticas, e que presenten proxectos para a implantación ou mellora dos sistemas de tratamento da auga; para melloras as infraestruturas de almacenamento que incidan directamente na mellora da calidade; ou a realización de análises da auga para comprobar a súa calidade antes e despois da intervención.

As axudas cubrirán o 80% do financiamento das actuacións que resulten elixidas, segundo a criterios obxectivos, ata un máximo de 15.000 euros por proxecto. O 20% do financiamento restante deberá ser achegado pola propia comunidade de usuarios que resulten beneficiaria da subvención, non sendo compatible con outras subvencións ou axudas.

O 30% do importe da convocatoria, é dicir, 225.000 euros, destinaranse ao financiamento de proxectos de comunidades de usuarios de ata 50 membros. Os outros 525.000 euros, o 70% restante, estará dirixido ás actuacións de comunidades de usuarios con máis membros. Para poder optar a estes incentivos, as comunidades de usuarios deberán estar constituídas legalmente.

Os interesados terán un mes de prazo, desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, para presentar os seus proxectos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade destacou o “papel crucial” das traídas veciñais no ámbito rural ao ser, en moitas ocasións “a solución máis eficiente” para abastecer a poboacións que se atopan máis afastadas. Lembrou, neste sentido, que a lexislación estatal de augas lles brinda xa un marco lexislativo especial, outorgándolle carácter de corporacións de dereito público adscritas e tuteladas polo organismo de conca.

Ethel Vázquez salientou que as especiais características poboacionais de Galicia, cunha forte dispersión, fai que se teña recorrido de xeito habitual a solucións autónomas para abastecerse de auga potable. De feito, estímase que unhas 600.000 persoas en Galicia utilizan pequenos sistemas de abastecemento propios, xa sexan veciñais ou individuais.

Na reunión desta mañá, ademais da convocatoria das primeiras axudas para a mellora da calidade da auga das traídas veciñais, o Consello Reitor de Augas de Galicia abordou distintos asuntos de carácter ordinario, como a aprobación da memoria anual de actividade desenvolvida por Augas de Galicia durante o pasado ano 2019; e fixo seguimento, como vén sendo habitual, dos traballos desenvolvidos no marco do Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, do Plan de xestión de risco de inundacións ou do Plan de seca.
 

Imaxes relacionadas