A conselleira de Política Social visitou esta mañá as instalacións do centro de día público de Rois, onde xa se implantaron as primeiras medidas

Fabiola García comproba os traballos dos centros de día para adaptarse ao protocolo de reapertura

Retomarase a actividade a partir do 15 de xullo, unha vez que os centros se axusten ao protocolo, os profesionais recibiran formación e teñan o material necesario

Os centros poderán abrir co 50% do aforo na primeira fase

Rois (A Coruña), 7 de xullo de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, comprobou esta mañá os traballos realizados nos centros de día para a súa adecuación ao protocolo de reapertura elaborado polas autoridades sanitarias e que permitirá a súa posta en funcionamento o próximo 15 de xullo. Fíxoo durante unha visita ao centro público do concello de Rois, onde felicitou aos seus responsables e traballadores pola súa capacidade de adaptación á nova realidade.

Fabiola García lembrou que a emerxencia sanitaria provocada pola covid-19 obriga a que todas as decisións tomadas para avanzar cara a unha nova normalidade deban facerse con prudencia e con todas as garantías, especialmente as que afectan ás persoas maiores. Por este motivo, sinalou, para a reapertura dos centros de día é necesario que as instalacións se adaptasen ao protocolo das autoridades sanitarias, os profesionais recibiran a formación necesaria e os centros conten co material de protección.

Unha das medidas a ter en conta son as limitacións de aforo, que o protocolo regula en tres fases, con 15 días de duración cada unha. Na primeira etapa, o aforo será do 50%; na segunda, do 75%; e na terceira, do 100%, sempre que se poidan garantir 1,5 metros de distancia. A conselleira sinalou que deste xeito o Goberno galego axuda aos profesionais dos centros de día nesta nova etapa para devolver a actividade con toda a seguridade e confianza.

Así mesmo, Fabiola García sinalou que as persoas maiores que non acudan ao centro de día poderanse seguir a beneficiarse do Bono coidado extraordinario, dotado con 500 euros mensuais, para a contratación dun servizo de atención á domicilio ou para compensar a baixada salarial motivada por unha redución de xornada ou unha excedencia por coidados.

Imaxes relacionadas