A Xunta informa ao sector sobre o programa para o fomento da construción e desenvolvemento de produtos de madeira co que se busca apoiar 170 proxectos

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, mantivo un encontro telemático con asociacións da industria forestal, colexios profesionais, o panel de expertos da Axenda de impulso da industrial forestal e representantes de empresas colaboradoras

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2020

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, mantivo un encontro mediante videoconferencia con representantes do sector para informar sobre o programa para fomentar a construción e o desenvolvemento de produtos en madeira aprobado recentemente polo Consello da Xunta. En concreto, participaron máis de 70 persoas desta industria incluíndo asociacións, colexios profesionais, o panel de expertos da Axenda de impulso da industria forestal e empresas colaboradoras.

O programa, enmarcado no Plan de reactivación económica de Galicia, conta cun orzamento de 1,7M€ e prevé apoiar un total de 170 proxectos a través das catro liñas de axudas que inclúe, e cos que se mobilizarán máis de 9M€.

O programa, que se activará proximamente, ofrece axudas para a redacción de proxectos de execución de construción nova, rehabilitación de naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais. Por outra parte, haberá apoios a proxectos para o desenvolvemento e fabricación de envases, embalaxes ou expositores realizados con madeira. Unha terceira liña destinarase á redacción de proxectos de execución de novas vivendas unifamiliares ou rehabilitación e reconstrución. Por último, poderase optar a axudas para realizar obras de reforma ou acondicionamento de locais comerciais ou de negocio con produtos en madeira. As axudas, de concorrencia competitiva, poderán cubrir ata o 80% do importe e poderánse realizar anticipos do 50%.

As axudas están en liña coa Axenda da industria forestal 2019-2021 que pretende que os produtos forestais actúen como o elemento central para fomentar a bioeconomía, utilizando a madeira como elemento de orixe natural, reciclable e reutilizable. Este novo programa de apoios servirá para fomentar a demanda de produtos neste material, tendo en conta a utilización de elementos locais e tamén a protección medioambiental e permitirá beneficiar non só aos promotores e empresas que impulsan os proxectos, senón tamén aos profesionais que os desenvolvan.

Imaxes relacionadas