A Xunta, axencias de viaxe e turoperadores colaboran para impulsar o turismo familiar e crear novos produtos en Galicia

O conselleiro de Cultura e Turismo e os presidentes da Asociación de Axencias de Viaxe de Galicia e a Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia asinaron hoxe dous acordos de colaboración por valor de 500.000 euros

Impulsaranse experiencias en áreas estratéxicas para diversificar a actividade turística como a Ribeira Sacra, a Costa da Morte ou os Camiños de Santiago

As axencias ofrecerán descontos de ata o 10% a particulares que tivesen contratado un paquete fóra de Galicia e decidan reorientalo á Comunidade

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o presidente da Asociación de Axencias de Viaxe de Galicia (AGAVI), Juan Antonio Rivadulla, e o presidente da Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (ATREGA), Jesús Francisco Ares, asinaron hoxe dous convenios de colaboración por valor de 500.000 euros para combater os efectos económicos da covid-19 no sector turístico incentivando o consumo con novas iniciativas que faciliten as viaxes na Comunidade.

Ao abeiro desta colaboración, recollida no Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico, o convenio permitirá evitar a anulación de paquetes turísticos por parte dos usuarios. Así, as axencias ofrecerán descontos de ata o 10% a aqueles particulares que contratasen un paquete para viaxar fóra de Galicia nunha data posterior á declaración do estado de alarma e decidan agora reorientalo cara unha experiencia no interior da nosa Comunidade. Primaranse produtos consolidados como o Outono Gastronómico, experiencias en balnearios, roteiros enoturísticos ou a participación en Elixe Galicia, a iniciativa posta en marcha pola Xunta para promover o turismo interno fóra de tempada.

Como explicou o titular de Cultura e Turismo da Xunta, a colaboración coas axencias de viaxe, que ascende a 300.000 euros permitirá, ademais, facilitar que as familias percorran Galicia e coñezan os seus recursos. Deste xeito, crearanse novos produtos e experiencias pensados para este mercado dándolles facilidades para o seu financiamento, pois poderán pagar de xeito fraccionado nun prazo de entre seis e 12 meses sen custe adicional.

Experiencias vinculadas ao Xacobeo 2021

No que se refire á colaboración cos turoperadores, a contía ascende a 200.000 euros. O convenio inclúe a posta en marcha de novos produtos turísticos vinculados ao Xacobeo 2021 e elíxense áreas estratéxicas que permitan diversificar a actividade turística polo territorio galego, como a Ribeira Sacra, a Mariña Lucense, a Costa da Morte ou os diferentes itinerarios do Camiños de Santiago. Neste sentido, crearanse experiencias para grupos, programas de escapadas e iniciativas que unan a enogastronomía, o termalismo e actividades no entorno rural e o patrimonio cultural.

Imaxes relacionadas