Máis de 60 persoas participarán este ano nas bolsas formativas da Xunta para bibliotecas, arquivos e museos

Están destinadas a actividades formativas relacionadas cos procesos técnicos que se realizan nestas dotacións culturais xestionadas polo Goberno galego

Das prazas ofertadas, 33 destinaranse a estadías nas bibliotecas de xestión autonómica, 20 a arquivos e oito a museos

Os bolseiros foron recibidos hoxe na Cidade da Cultura polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2020

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, recibiu hoxe na Cidade da Cultura aos participantes das bolsas para actividades formativas nos museos, arquivos e bibliotecas da Xunta de Galicia. Trátase dunha iniciativa impulsada desde o Goberno galego na que participan máis de 60 persoas que durante un mínimo de seis meses participarán en actividades relacionadas cos procesos técnicos que se realizan nestas dotacións culturais de xestión autonómica.

A convocatoria deste ano inclúe 33 prazas para bolsas formativas en biblioteconomía nas que poderán afondar nos coñecementos sobre o tratamento técnico dos fondos, así como no resto de actividades que se inclúen nos diversos servizos bibliotecarios dos centros xestionados pola Consellería de Cultura e Turismo. Os centros que colaborarán coa formación destes bolseiros son: Biblioteca de Galicia, Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, Biblioteca Pública de Lugo, Biblioteca Pública de Ourense, Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel e Biblioteca Pública Municipal de Ferrol.

Outras 20 prazas estarán destinadas a formación en materia de arquivos, onde os participantes realizarán as súas estadías no ámbito do Sistema de Arquivos de Galicia que inclúe dotacións tanto autonómicas como locais. Así, acollerán bolseiros nos vindeiros meses os arquivos históricos provinciais de Pontevedra, Lugo e Ourense; os territoriais de Vigo e Pontevedra, o Arquivo do Reino de Galicia, o Arquivo de Galicia e os arquivos municipais de Ribadavia, Ordes, Bergondo, Abegondo, Celanova, Paradela, Ordes, Muros, Carballo, Aranga e Borborás.

As oito prazas restantes correspóndense con actividades relacionadas cos procesos técnicos que se realizan no ámbito dos museos de titularidade ou xestión autonómica. Concretamente, os bolseiros participarán no marco desta iniciativa no Museo Etnolóxico de Ribadavia, no Museo do Viño, no Arqueolóxico de Ourense, no Castro de Viladonga, no Museo Massó de Bueu e no Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Todas estras bolsas, nas que a Xunta inviste preto de 400.000 euros, teñen unha duración mínima de seis meses que serán prorrogables por outros seis meses, agás no caso das bibliotecas, que se poderán alongar por outros sete meses.

Imaxes relacionadas