A Xunta trasládalle ao concello de Carballo as medidas deseñadas para minimizar o risco de inundacións no río Anllóns

Na xuntanza avaliáronse as accións proxectadas no Plan Específico de Xestión de Riscos de Inundación, que redactou Augas de Galicia para o treito deste río

O plan inclúe a liberación da zona de dominio público hidráulico, o aumento da capacidade hidráulica das pontes ou a realización de distintos baipases
 

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2020

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, trasladoulle hoxe ao alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, as medidas deseñadas para minimizar o risco de inundacións no tramo do río Anllóns neste municipio.

Na xuntanza por videoconferencia, as administracións local e autonómica valoraron as actuacións proxectadas no Plan Específico de Xestión de Riscos de Inundación, que redactou Augas de Galicia para o treito deste río.

A directora, acompañada polo xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, expúxolle ao rexedor e aos técnicos municipais as distintas opcións avaliadas no proceso de redacción do plan para paliar o risco de enchentes no núcleo urbano.

Entre as actuacións analizadas, a Xunta inclúe no plan a liberación da zona de dominio público hidráulico, o aumento da capacidade hidráulica das pontes ou a realización de distintos baipases.

Estas accións localizaríanse en varios puntos do río, pero as máis prioritarias dende un punto de vista técnico serían as situadas nas inmediacións da ponte da estrada AC-552.

A Xunta tamén incorpora no plan outras medidas de carácter administrativo como a planificación das respostas ante situación de emerxencia ou a implantación dun urbanismo respectuoso coas dinámicas fluviais.

O Concello de Carballo deberá agora valorar as propostas co fin de avanzar na redacción dun convenio de colaboración entre as administracións local e autonómica que facilite o seu financiamento e execución.
 

Imaxes relacionadas