A Xunta aposta por unha cultura de maior corresponsabilidade que faga da conciliación un traballo compartido

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago de Compostela no webinario A conciliación laboral: posible, rendible e moi necesaria, organizado pola Asociación Española de Dirección e Desenvolvemento de Persoas (Aedipe)

Puxo en valor a importancia de reforzar medidas encamiñadas a facilitar a conciliación para que as emprendedoras e autónomas galegas continúen liderando a recuperación económica

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2020

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou hoxe a aposta da Xunta por crear unha cultura de maior corresponsabilidade que faga da conciliación un traballo compartido. Puxo en valor a importancia de reforzar medidas encamiñadas a facilitar a conciliación na súa participación en Santiago de Compostela no webinario A conciliación laboral: posible, rendible e moi necesaria, organizado pola Asociación Española de Dirección e Desenvolvemento de Persoas (Aedipe).

Toca resaltou o papel das mulleres emprendedoras na economía galega para xerar emprego e riqueza e, por iso, sinalou a importancia de seguir reforzando o compromiso pola conciliación para que as emprendedoras e autónomas galegas continúen liderando a recuperación económica.

Os datos reflicten que Galicia é a terceira comunidade con maior taxa de actividade emprendedora feminina e a primeira autonomía con máis presenza feminina no colectivo autónomo.

A secretaria xeral de Emprego fixo fincapé en medidas importantes como o teletraballo, a dixitalización e a formación para continuar impulsando a conciliación da vida laboral, persoal e familiar e para compatibilizar a rendibilidade e competitividade das empresas coas novas condicións de produción e traballo motivadas pola covid-19.

Toca, por último, apuntou que a Xunta continúa avaliando as necesidades que a pandemia da covid-19 está xerando ao colectivo feminino para seguir poñendo en marcha medidas para darlles respostas. Incidiu en que a reactivación económica ten que afrontarse escoitando a todos os actores implicados, subliñando que a voz das mulleres é imprescindible para consolidar a igualdade en todos os cambios que se producen.

Imaxes relacionadas