A Xunta facilita a reprogramación de máis do 90% das funcións da Rede de Teatros e Auditorios suspendidas no estado de alarma

A flexibilización da súa normativa permitiu incorporar a meirande parte destas actuacións á carteleira do segundo semestre do ano, que acollerá preto de 340 citas escénicas e musicais en 39 concellos de toda Galicia

A Consellería de Cultura e Turismo xestiona este circuíto profesional de exhibición de espectáculos, que prevé ofrecer 500 representacións durante 2020 cun orzamento de 1,46 millóns de euros cofinanciado ao 50% coas entidades locais asociadas

A súa nova programación arranca mañá coa estrea en Santiago de ‘O mozo da última fila’, o novo espectáculo de Redrum Teatro
 

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2020

A estrea mañá en Santiago de Compostela do espectáculo O mozo da última fila, de Redrum Teatro, sinala o inicio da nova carteleira semestral da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), circuíto promovido pola Xunta en colaboracion con 39 concellos de toda Galicia. Esta será a primeira das preto de 340 funcións inseridas no seu segundo período de programación anual, que incorpora así mesmo máis do 90% das actuacións que tiveron que ser suspendidas nos últimos meses por mor do crise sanitaria.

A Consellería de Cultura e Turismo facilitou a flexibilización da normativa da RGTA cunha serie de medidas inseridas no plan autonómico para a reactivación dos sectores cultural e turístico, que posibilitaron a reprogramación de 149 das 161 representacións afectadas pola declaración do estado de alarma. Entre estas accións, aprobadas pola Comisión Técnica do circuíto, figuran o incentivo económico á contratación de funcións consecutivas dun mesmo espectáculo e o desenvolvemento de actuacións ao aire libre, no marco de festivais e mostras ou en escenarios pechados diferentes aos adscritos.

O mozo da última fila, primeira adaptación ao galego dun texto do recoñecido dramaturgo Juan Mayorga, é precisamente unha das propostas que viu adiada a súa chegada aos escenarios, prevista para o pasado mes de abril no marco do primeiro semestre de programación da Rede. Finalmente, a estrea da nova proposta de Redrum, con dirección e adaptación de Alex Sampayo, celebrarase no Teatro Principal de Santiago mañá martes 7 e o mércores 8 de xullo, ás 20.30 h. A oferta desta semana recolle outras catro funcións neste mesmo espazo compostelán (Liberto, de Rebordelos, os días 9 e 10, e Falar por falar, de Volta e Dálle Teatro o 11 e o 12), así como a montaxe Commedia, de Contraproducións, na Alameda de Cangas o día 9 no marco da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo.

Medio millar de actuacións en 2020

Con esta nova carteleira semestral, serán 500 as citas culturais que acollerá durante 2020 a Rede Galega de Teatros e Auditorios, para o que se conta cun orzamento global de 1,46 millóns de euros que achegan ao 50% a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e as entidades locais xestoras dos escenarios asociados. Esta contía destínase integramente á contratación das 223 compañías profesionais de teatro, música, danza, novo circo e maxia, a meirande parte delas galegas, que lle dan forma á carteleira anual e que confirman este circuíto, con máis de 20 anos de traxectoria, como canle de referencia para o encontro entre o público e a nova produción escénica e musical galega.
 

Imaxes relacionadas