A Xunta pon en valor os programas que combinan formación especializada e un contrato laboral para impulsar o emprego entre a mocidade

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou hoxe en Vilagarcía de Arousa aos alumnos e alumnas que participan no obradoiro de emprego Labora Xove

Un total de 16 persoas están a formarse nas especialidades de socorrismo en espazos acuáticos e en promoción turística local e información ao visitante

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 6 de xullo de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou hoxe en Vilagarcía de Arousa aos alumnos e alumnas que están a participar no obradoiro de emprego Labora Xove, que retomou a súa actividade o pasado 1 de xullo tras verse paralizada pola pandemia.

Un total de 16 persoas están a recibir formación especializada e contan cun contrato laboral nas especialidades de socorrismo en espazos acuáticos e en promoción turística local e información ao visitante. Casal puxo en valor a importancia dos programas que combinan formación e un contrato de traballo para seguir impulsando o emprego entre a mocidade.

O director xeral, ademais, lembrou que unha formación para o emprego axeitada permite responder ás principais demandas dos novos mercados laborais no novo escenario económico poscovid-19 e apuntou á formación como dinamizadora do emprego de calidade e da inserción laboral da mocidade.

Na visita, Casal informou aos participantes da resolución do programa de emprego para persoas mozas na que participarán a partir deste mes 300 menores de 30 anos. A Xunta vén de seleccionar os 19 programas que se desenvolverán para o que se tiveron en conta criterios como que o municipio beneficiario fose resultado dunha agrupación, fusión ou se tratase dun Concello Emprendedor. Tamén se valorou que os proxectos estivesen relacionados coas TIC e coa economía dixital e que gardasen relación co tecido empresarial do territorio, así como as posibilidades de inserción laboral.

Una vez seleccionados os programas, levarase acabo agora unha selección dos 297 participantes a través das oficinas de emprego, na que se terá en conta, ademais da idade, a experiencia laboral previa, a permanencia no desemprego ou o nivel de cualificación. Darase prioridade a aquelas persoas mozas que non recibiran previamente atención por parte do Sistema nacional de garantía xuvenil.

O alumnado obterá formación e, ademais, disporá dun contrato de traballo. Así, percibirán un salario durante a súa participación na actividade ao longo de 12 meses.