A comarca da Mariña conta hoxe con 119 casos activos de coronavirus

As probas realizadas ata esta mañá confirmaron outros 22 casos positivos relacionados co brote de A Mariña, que eleva o número de positivos a 128

Nove persoas relacionadas co brote xa están curadas e foron dadas de alta, o que deixa o número de casos activos en 119

Sanidade e o Sergas seguen a investigar e a rastrexar todos os contactos e a adoptar todas as medidas necesarias para o control do brote
 

Lugo, 6 de xullo de 2020

A Consellería de Sanidade informa que, segundo as probas realizadas ata esta mañá, confírmanse outros 22 casos positivos de persoas afectadas por Covid-19 no brote de A Mariña, o que eleva a 128 o número total de casos detectados pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. Sen embargo, nove persoas xa están curadas e foron dadas de alta, o que implica que o número de casos activos de Covid-19 nestes momentos na comarca de A Mariña é de 119.

O primeiro caso de infección por Covid-19 detectouse na tarde do martes 23 de xuño. A partir desta confirmación inicial, fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos das persoas que se foron vendo afectadas. Ata o momento, mediante as probas realizadas confírmase a existencia de 128 positivos en Covid-19 relacionados con este brote, con nove curados neste momento e 119 casos activos. Hai que destacar que todos estes casos están relacionados co brote, o que permite garantir a trazabilidade dos casos e seguir na mesma estratexia de busca activa de contactos e realización de todas as probas necesarias de forma precoz para cortar canto antes a transmisión.

Desde a detección do primeiro positivo, activouse de forma inmediata o protocolo de seguimento e realizáronse as probas PCR a todos os contactos estreitos das persoas que deron positivo, actuacións que se seguen a desenvolver nestes momentos, pois tanto a Consellería de Sanidade como o Servizo Galego de Saúde seguen a investigar e a rastrexar todos os contactos dos novos positivos, así como a adoptar todas as medidas necesarias para o eficaz control do brote.

Dos 119 casos activos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Catro persoas con resultado positivo están ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorable. Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. A Consellería de Sanidade segue a investigar posibles contactos dos novos positivos que van xurdindo.

O departamento sanitario da Xunta actuou e segue a actuar con absoluta dilixencia e rapidez dende o primeiro momento en que se detectou un caso positivo, realizando un rastrexo masivo de todos os contactos, o que permitiu controlar o brote. Hai que destacar a capacidade do equipo de mostras para realizar todas as probas que sexan necesarias, de forma rápida, así como a capacidade asistencial que ten o Hospital Público da Mariña para a atención de todos os usuarios. Ao igual que durante toda a pandemia, tanto os centros de Atención Primaria como os hospitais públicos do Sergas están a facer un traballo intenso para detectar rapidamente os novos casos relacionados co brote e realizar todas as probas diagnósticas necesarias no menor tempo posible.

No caso concreto do brote que está a afectar ao distrito sanitario da A Mariña, dicir que tanto o Hospital Público da Mariña como os centros de saúde da comarca están a realizar un esforzo importante para detectar calquera novo caso e, ademais, dunha forma moi rápida para acotar canto antes o brote.

Hai que destacar, tamén a capacidade asistencial e resolutiva do Hospital Público de A Mariña e dos centros de saúde para asumir con todas as garantías esta situación, como xa o demostrou nos momentos máis duros da pandemia, tanto no aspecto diagnóstico como no tratamento e seguimento. A súa actuación complétase co apoio do Servizo de Microbioloxía do HULA, co que traballan de forma conxunta, coordinada e continuada de 8 da mañá a 10 da noite, e se é necesario, prolongando a súa actividade o tempo necesario; así como co importante e intenso traballo do Servizo de Vixilancia Epidemiolóxica da Xefatura Territorial de Sanidade no seguimento dos contactos, que está a permitir unha actuación moi rápida e eficaz na detección e control dos contactos das persoas afectadas.

Dende o Sergas queremos salientar o correcto funcionamento dos protocolos de vixilancia e control e lembrar á ciudadanía a necesidade de continuar a aplicar as medidas hixiénico-sanitarias establecidas desde o inicio da pandemia do coronavirus, poñendo especial énfase na necesidade de empregar sempre as máscaras, gardar a distancia física de seguridade, hixiene de mans…

A Consellería de Sanidade reitera á cidadanía que empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 881 00 20 21 para persoas de fóra da comunidade autónoma que visiten Galicia e desexen consultar dúbidas ou sintomatoloxía relacionada co Covid-19.