O DOG publica hoxe a encomenda de xestión para a licitación e execución do contrato de servizo para o deseño das actuacións da nova Estratexia galega de mobilidade

Trátase de definir unha rede coordinada de servizo e infraestruturas moderna, sostible e eficiente que aumente a competitividade

A Xunta licitará en verán este traballo, que se desenvolverá en varias fases, nun prazo de dous anos

Entre os obxectivos da Estratexia salienta o de fomentar a redución de emisións asociadas á mobilidade, promovendo o transporte público, a intermodalidade e os desprazamentos non motorizados

Crearase a área única de Transporte de Galicia, coa extensión do uso das tarxetas TMG e Xente Nova ao conxunto da comunidade

Planificaranse actuacións para a mobilidade do futuro, con predominio de coches autónomos, eléctricos e compartidos, que disporán de estradas adaptadas con puntos de recarga, entre outras accións

O plan coordinarase cunha estratexia de infraestruturas loxísticas, que potencie a mobilidade de mercadorías, a partir da oportunidade de Galicia como porto da fachada Atlántica

Esta estratexia integral da mobilidade incrementará as opcións de Galicia para acceder aos diferentes plans de investimentos europeos

Trátase dunha das medidas planificadas polo Goberno galego para impulsar a reactivación e a dinamización económica a través das infraestruturas e da promoción dunha mobilidade segura

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a encomenda de xestión de carácter técnico, á Axencia Galega de Infraestruturas, para a licitación e execución do contrato de servizo relativo ás actuacións necesarias para a aprobación da Estratexia galega de mobilidade.

Trátase da elaboración da Estratexia galega de mobilidade para acadar unha rede de transporte e de infraestruturas moderna, eficiente, ordenada e sostible que responda ás necesidades reais de mobilidade dos cidadáns e incremente a competitividade económica da comunidade. Esta estratexia forma das medidas planificadas pola Xunta de Galicia para impulsar a reactivación e a dinamización económica a través das infraestruturas e da promoción dunha mobilidade segura.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/9dkak.

A Xunta licitará en verán este contrato, cun importe de máis de 865.000 euros, e desenvolverao ao longo de dous anos, en varias fases.

O obxectivo da programación é avanzar cara a unha mobilidade de futuro, adaptada ao contexto da covid-19 e da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050.

Trátase de establecer unha mobilidade de baixas emisións, que promoverá o transporte público, a intermodalidade e os desprazamentos non motorizados dun xeito efectivo.

O plan aposta por unha mobilidade intelixente e segura, definindo as infraestruturas necesarias para as comunicacións das persoas en todos os ámbitos.

A estratexia será de carácter multimodal, é dicir, fomentará a cultura cidadá e empresarial da mobilidade sostible. Para isto, potenciaranse as formas de desprazamento que reduzan os impactos negativos do uso do automóbil.

O programa aposta con determinación por un sistema de transporte público, coordinado e sostible. En canto ao transporte interurbano de viaxeiros, implantarase unha área única de Transporte de Galicia, coa extensión a todo o territorio das tarxetas TMG e Xente Nova.

A tarxeta TMG permite descontos nas tarifas do transporte público e a Xente Nova posibilita que os menores de 21 anos viaxen gratis nos autobuses interurbanos da Xunta.

Nas estradas, a mobilidade do futuro xirará en torno aos vehículos autónomos, eléctricos e compartidos. Por iso, en base ás conclusións desta estratexia, elaborarase unha planificación de vías adaptada ás novas modalidades de mobilidade.

Ademais da programación da execución de novas estradas e o acondicionamento do viario existente, incluiranse sendas peonís e ciclistas, adaptaranse as vías para o funcionamento do coche autónomo e determinaranse puntos de recarga para vehículos eléctricos.

A Estratexia Galega de Mobilidade coordinarase coa Estratexia Loxística de Galicia 2020–2028, que tamén se prevé licitar este verán. Esta última avanzará, desde o punto de vista das infraestruturas, na cohesión territorial para minorar o efecto da posición periférica de Galicia respecto ao resto de Europa e potenciar a oportunidade como porto da fachada Atlántica.

Esta planificación integral da mobilidade situará a Galicia con maior vantaxe para poder acceder aos diferentes plans de investimentos europeos, que están condicionados a contar nos estados membros con estratexias concretas.

Proceso de elaboración da Estratexia

Para elaborar a estratexia, realizarase un intenso traballo de campo, que comezará pola análise da situación actual das infraestruturas de transporte dentro de Galicia e co exterior, así como da súa intermodalidade.

Utilizaranse datos de telefonía móbil, cumprindo coas normativas vixentes de protección de datos, que se tratarán mediante tecnoloxía big data e realizaranse enquisas orixe-destino para completar a información.

Tamén se consultarán os aforos de estradas e os datos de usuarios de transporte público ou as estatísticas ferroviarias, aeroportuarias e de transporte marítimo. Con esta información elaboraranse matrices orixe/destino con segmentación por modos de transporte, en diferentes períodos e día tipo.

Posteriormente, procederase á visualización dos resultados orixe/destino entre concellos nun visor web baseado en GIS. A partir de aí, modelizarase a demanda no sistema de transportes na comunidade en distintos escenarios.

A partir da información obtida e das conclusións establecidas, redactarase a Estratexia de mobilidade, que será obxecto de consulta pública para que as persoas, administracións e organismos interesados poidan participar na planificación.

Imaxes relacionadas