A Xunta defende que o cooperativismo é un motor económico de Galicia ao dar a máxima prioridade ás persoas e promover o traballo inclusivo

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Cambre (A Coruña), na sede de Vangarda, na celebración do Día do Cooperativismo

Desenvolveuse un encontro con cinco cooperativas galegas no que, ademais, Conde escoitou as iniciativas das persoas comprometidas coa economía social, xa que as conversas puideron seguirse en directo por Facebook e Youtube

Cambre (A Coruña), 4 de xullo de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Cambre (A Coruña) -na celebración do Día do Cooperativismo- que esta fórmula empresarial é un motor económico de Galicia, resaltando os valores principais que promove: dá a máxima prioridade ás persoas, fomenta o traballo inclusivo, a responsabilidade social e mantén o respecto polo medio ambiente. Así, Conde indicou que o cooperativismo e, por extensión, o modelo da economía social van ter un papel decisivo na reactivación.

A celebración do Día do Cooperativismo galego tivo lugar na sede de Vangarda e centrouse no desenvolvemento do encontro Conversas cooperativas: respostas a novos desafíos, que se puido seguir en directo, a través dos canles Facebook e Youtube da rede Eusumo.

No acto participaron representantes de cinco cooperativas galegas: o presidente de Vangarda, Juan Jesús Delgado; a vicepresidenta de Árbore, Elena Taboada; a presidenta de Guillelme Brown, Ana Otero; a presidenta de Agroflor, Josefa Manivesa; e o presidente de Codeira, Iván García. A conversa estivo moderada pola presidenta da Unión de Cooperativas Espazocoop, Ana Olveira.

O encontro tivo como obxectivo principal escoitar as iniciativas das persoas comprometidas coa economía social e o cooperativismo, coñecer as súas experiencias, así como intercambiar impresións. Ademais, as fórmulas das cooperativas e da economía social para alcanzar e apoiar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible estiveron no centro da conversa.

Conde lembrou, así mesmo, que en Galicia a economía social xera o 7% do PIB a través de preto de 5.000 entidades e 100.000 persoas vinculadas a elas, das que 42.104 están vinculadas ao cooperativismo.

Como peche do acto, o coach internacional Daniel Álvarez, fundador do Instituto Ben Pensante, ofreceu unha intervención de apoio e impulso fronte aos novos desafíos baixo o lema Renacemento. A innovación que emerxe en tempos de cambio.

O Día do Cooperativismo galego súmase á commemoración internacional que promoven a Alianza Cooperativa Internacional (ACI) e as Nacións Unidas desde 1995. Esta edición de 2020 é a 26ª do Día Internacional das Cooperativas.

Imaxes relacionadas