A Xunta executa traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Freixeiro, no concello de Narón

Os traballos desenvólvense en distintos tramos do río ao longo de 1,8 quilómetros, na parroquia de Xubia

As actuacións céntranse na retirada de árbores, pólas ou elementos susceptibles de causar atoamentos, así como na roza de tramos pechados pola maleza

A Consellería de Infraestruturas mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos
 

Santiago de Compostela, 4 de xullo 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Freixeiro, no Concello de Narón.

Estas tarefas estanse a desenvolver en distintos tramos do río ao longo de 1,8 quilómetros de lonxitude, ao seu paso pola parroquia de Xubia.
As actuacións céntranse na retirada de árbores, pólas, madeira morta e elementos susceptibles de causar atoamentos, así como na roza en tramos pechados pola maleza.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-Norte.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.
 

Imaxes relacionadas