O número 59 da Revista Galega de Administración Pública incluirá dous artigos sobre a covid-19

A publicación analizará a relación entre o dereito local e a actividade municipal durante os últimos meses e a responsabilidade patrimonial do Estado como consecuencia da crise por Covid-19

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2020

Esta mañá reuníronse na EGAP os membros do consello de redacción da Revista Galega de Administración Pública (Regap) para aprobar o contido do número 59, que incluirá dous artigos relativos á Covid-19.

O catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Autónoma de Madrid, Francisco Velasco Caballero, publicará un texto sobre a relación entre o Dereito local e a covid-19, mentres que o profesor de Dereito Constitucional da Universidade Pública Pablo de Olavide de Sevilla analizará a responsabilidade patrimonial da Administración Xeral do Estado como consecuencia da crise por Covid-19.

Por outra parte, o próximo exemplar da revista incluirá textos sobre outros temas de relevancia no ámbito do Dereito e a Administración, coma o contrato menor, a carreira profesional dos profesionais sanitarios, os retos legais do uso do big data na Inspección de Traballo e da Seguridade Social, o papel do Consello de Contas de Galicia na prevención da corrupción e na xestión de riscos na contratación pública ou a avaliación da normativa de compra pública.

Esta publicación estará dispoñible nas próximas semanas en formato dixital a través da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/revistas/REGAP) para a súa descarga libre.

Imaxes relacionadas