Hoxe comeza a formación destinada a profesionais do tempo libre para a adaptación á nova situación poscovid

As 500 prazas desta primeira edición esgotáronse en tan só un día polo que o Goberno galego convocará unha nova convocatoria sen límite de prazas o vindeiro martes 7 de xullo

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2020

A Xunta comezou hoxe os cursos de formación destinados a profesionais do tempo libre para a adaptación á nova situación poscovid. A través desta acción formativa gratuíta e en liña, ofrécense coñecementos básicos para que as persoas que traballan no ámbito do tempo libre poidan coñecer e aplicar correctamente as medidas hixiénico-sanitarias vixentes, ofrecer as pautas necesarias que lles permitan adaptar as actividades ao novo escenario, así como coñecer o protocolo que cómpre seguir ante un posible caso de covid-19.

Esta primeira edición contou cun total de 500 prazas que se esgotaron nun só día. Ante este gran número de solicitudes, o Goberno galego poñerá en marcha unha nova convocatoria sen límite de prazas o vindeiro martes 7 de xullo. A duración da formación será de dez horas e estará aberta a todas as persoas profesionais ou voluntarias que traballen directamente nas actividades de tempo libre, así como a todas aquelas persoas que formen parte de organizacións e entidades que organicen deste tipo en Galicia.

O curso terá como base o documento de recomendacións e medidas para o desenvolvemento das actividades de educación non formal, ocio educativo e tempo libre para a súa adaptación á situación provocada pola COVID-19, que foi elaborado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado en colaboración cun grupo de traballo plural de representantes do sector, e visado polas autoridades sanitarias.

Catro módulos

As persoas participantes deberán superar un cuestionario tras coñecer cada un dos catro módulos que conforman o curso —virus respiratorios emerxentes, medidas persoais de prevención e hixiene, medidas nas instalacións e medidas nas actividades— para ter dereito á expedición do certificado acreditativo da formación.

O obxectivo é que as actividades de lecer educativo se poidan desenvolver de maneira segura e con todas as garantías para as persoas participantes, así como para o equipo técnico, ofrecendo a formación sobre as boas prácticas e pautas necesarias a seguir por parte dos profesionais do sector.

Imaxes relacionadas