A Xunta executará en horario nocturno obras de rehabilitación do firme en tres glorietas do casco urbano de Viveiro a partir do domingo

O investimento das actuacións ascende a 100.000 euros e inclúe o repintado completo das marcas viarias da estrada LU-862 no núcleo urbano

Viveiro (Lugo), 2 de xullo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda iniciará este domingo obras de rehabilitación do firme en tres céntricas glorietas do casco urbano de Viveiro, situadas nas estradas autonómicas LU-539 e LU-862, aproximadamente á altura de Verxeles, a capela da Misericordia e a estación de autobuses.

Os traballos executaranse de noite para minimizar a afección ao tráfico, dado que se trata de puntos que rexistran unha elevada intensidade de circulación, especialmente nos meses de verán. Haberá restricións durante as horas nocturnas, a partir das 23:00 horas, sen chegar a rexistrarse cortes totais de tráfico; polo día circularase con normalidade.

Os puntos exactos de actuación son a glorieta entre a LU-540 e a LU-539 en Verxeles; a que conecta a LU-539 e a LU-862 no entorno da capela, e o encontro da LU-862 e a LU-102 preto da estación. Realizaranse fresados do firme existente para a posterior reposición con capas de mistura bituminosa en quente. Tamén se acometerán reparacións similares do firme en puntos concretos das proximidades.

A previsión é completar estes traballos en tres xornadas para logo rematar co repintado completo da LU-862 en Viveiro e Covas. As obras contan cun orzamento de 100.000 euros e responden á programación de conservación ordinaria das estradas autonómicas da Xunta na provincia.