Mañá abre o prazo para que as entidades de inclusión social pidan as novas axudas para financiar os seus gastos extraordinarios a raíz da emerxencia sanitaria da covid-19

Habilítanse 1,5 millóns de euros no marco do Plan de recuperación social de Galicia para compensar o esforzo adicional que fixeron as entidades de inclusión par atender ás persoas máis vulnerables durante a pandemia

Subvencionaranse custes relacionados con servizos como comedores e albergues sociais, cociñas económicas, centros de atención social continuada ou centros de día, entre outros
 

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2020

A Xunta realiza unha nova convocatoria de axudas económicas destinadas a entidades de inclusión social para que poidan financiar os gastos extraordinarios que lles supuxo a atención ás persoas sen fogar durante o estado da alarma da covid-19. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica as bases desta nova liña de subvencións dotada de 1,5 millóns de euros e que se encadra no Plan de recuperación social de Galicia.

As entidades poderán, a partir de mañá e durante un mes, presentar as súa solicitudes de subvención, que se concederán por concorrencia competitiva. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

Con esta convocatoria extraordinaria o Goberno galego quere compensar o esforzo adicional que fixeron estas entidades durante a pandemia para atender ás persoas máis vulnerables en albergues sociais, cociñas económicas e comedores sociais, centros de atención social continuada. Así mesmo, os gastos que tiveron os centros de día que prestan servizos de hixiene, lavandería e o coñecido como ‘calor e café’.

As entidades poderán beneficiarse desta convocatoria para sufragar os reforzos de persoal que tiveron que acometer moitas delas para substituír a persoas con factores de risco ou contaxiadas; a cobertura da necesidade de alimento e provisión de recursos básicos; ou a contratación de servizos de restauración e a compra de material de un só uso para repartir comida a domicilio.

Tamén son gastos subvencionables ao abeiro destas axudas a adquisición de material de protección ou outros custes de carácter extraordinario aos que tiveran que facer fronte durante a emerxencia sanitaria.
 

Imaxes relacionadas