A Xunta solicita ao Banco de España que avalíe as comisións impostas por parte das entidades financeiras aos seus clientes

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) diríxese a este organismo ante as diferentes consultas e reclamacións que se están recibindo en relación con estes cobros

Os consumidores que desexen recibir información e asesoramento en relación con este asunto, teñen á súa disposición o teléfono gratuíto do IGCC, o 900 23 11 23

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2020

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), insta ao Banco de España a que avalíe a imposición de comisións por parte de varias entidades financeiras, para que, no seu caso, se adopten as medidas pertinentes, garantindo o cumprimento dos dereitos dos consumidores e usuarios.

O IGCC diríxese ao organismo estatal en relación coas diferentes consultas e reclamacións que se están recibindo por estes cobros, que segundo o reflectido polos usuarios se multiplica en función do número de titulares da conta.

Na carta remitida ao Banco de España, desde o IGCC indícase que o procedemento normativo existente para a tramitación das reclamacións deste tipo (primeiro ante o Servizo ao Cliente da entidade bancaria e posteriormente ante a institución estatal) pode supor unha dilación no tempo na resolución das reclamacións. Por iso, demándase que se estude a situación plantexada para evitar que esta práctica poida estenderse durante varios meses, xerando prexuízos entre a cidadanía no actual contexto económico.

Os usuarios que desexen recibir información e asesoramento en relación con este asunto, teñen á súa disposición o teléfono gratuíto do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, o 900 23 11 23.