A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade mantivo hoxe unha xuntanza coa alcaldesa, Mónica Rodríguez, á que convidou a traballar conxuntamente en beneficio da competitividade do municipio

A Xunta propón un convenio de colaboración co Goberno de España e co Concello de Vimianzo para o impulso conxunto do acceso ao polígono desde a vía de altas prestacións

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ofrécese a facilitar o desenvolvemento deste novo enlace, pese a ser a unha responsabilidade exclusiva do Estado, titular do polígono

A proposta de convenio presentada hoxe establece que o Goberno galego asuma a redacción do proxecto de trazado e de construción e tramite as expropiacións

O Executivo central, a través de Suelo Empresarial del Atlántico, encargarase de financiar as expropiacións e da execución da obra, unha responsabilidade que lle atribúen as leis estatais do solo e de estradas

Con esta proposta de convenio a Xunta reforza o traballo realizado a prol deste enlace, posto que o proxecto de prolongación da autovía xa deixa previsto o terreo para o entronque, as expropiacións e o movemento de terras

Ethel Vázquez lembra que a Xunta executa en solitario os accesos aos polígonos da súa titularidade, como fai co polígono de Morás en Arteixo ou no Porto Seco de Monforte

A consellería de Infraestruturas trasládalle á alcaldesa que a prolongación da autovía terá 4 enlaces no concello de Vimianzo, ademais do polígono

O novo treito da vía de altas prestacións atópase actualmente en fase de análise das alegacións

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2020.- A Xunta de Galicia propón un convenio de colaboración co Goberno de España e co Concello de Vimianzo para o desenvolvemento conxunto do acceso ao polígono empresarial deste municipio desde a vía de altas prestacións que proxecta o Executivo galego.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada do director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo coa alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, na que lle trasladou a aposta da Xunta pola suma de esforzos e a convidou a traballar conxuntamente en beneficio da competitividade do municipio.

Con este fin, a conselleira propuxo a sinatura dun convenio de colaboración polo que a Xunta se comprometería a reforzar a súa contribución ao desenvolvemento da conexión do polígono de Vimianzo coa vía de altas prestacións, pese a ser o seu desenvolvemento unha responsabilidade exclusiva do Estado, como titular do ámbito empresarial.

A conselleira lembrou que as leis estatais do solo e de estradas establecen que a responsabilidade de dotar de accesos a un polígono empresarial é responsabilidade do promotor dese ámbito, que neste caso é o Estado a través da sociedade Suelo Empresarial del Atlántico.

Aínda así, e para contribuír ao seu desenvolvemento, a Xunta presentoulle hoxe á alcaldesa de Vimianzo unha proposta de convenio para o impulso conxunto da actuación. O texto establece que o Goberno galego asuma a redacción do proxecto de trazado e de construción e o tramite ata a súa aprobación, ademais de tramitar as expropiacións.

Pola súa banda, Suelo Empresarial del Atlántico, encargarase de financiar as expropiacións e da construción da obra, de acordo co establecido na lexislación. Finalmente, o Concello de Vimianzo asumiría a titularidade da nova vía.

Esta proposta de convenio reforza a achega da Xunta ao desenvolvemento dese enlace, posto que o proxecto construtivo da prolongación da Autovía da Costa da Morte xa deixa previsto o terreo para o entronque coa nova conexión, as expropiacións e o movemento de terras.

Ethel Vázquez indicou a importancia da contribución que realiza a Xunta, unha Administracion que executa en solitario os accesos aos polígonos da súa titularidade, como fai co polígono de Morás en Arteixo uo no Porto Seco de Monforte.

A conselleira insistiu na vontade da Xunta de colaborar co desenvolvemento económico de Vimianzo, como queda plasmado no proxecto da prolongación da autovía, que terá 4 enlaces no municipio, ademais do polígono.

Informoulle, ademais, de que o novo treito da vía de altas prestacións, que prevé un investimento da Xunta de máis de 28 millóns, se atopa actualmente en fase de análise das alegacións.

A proposta de convenio formulada hoxe estima en 4,7 millóns de euros o custo da conexión do polígono de Vimianzo con esa vía de altas prestacións, dos cales 250.000 euros serían asumidos pola Xunta.

Imaxes relacionadas