Máis de 570 aspirantes realizan hoxe a proba de coñecemento para optar a 139 prazas de auxiliares de policía local

O recinto feiral da Fundación da Semana Verde acolle o segundo exercicio do proceso selectivo centralizado e da proba de galego

Os participantes xa superaron as probas físicas que se realizaron no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra a semana pasada

As persoas que aproben tódalas probas elixirán destino unha vez realizado o curso de capacitación obrigatorio na Agasp
 

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2020-

Máis de 570 aspirantes optarán a unha das 139 prazas de auxiliares de Policía Local que oferta a Xunta a través da convocatoria unificada na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) publicada o pasado 22 de maio no Diario Oficial de Galicia polo trámite de urxencia. Os participantes realizarán hoxe o segundo exercicio do test de coñecemento, así como a proba de avaliación de coñecemento de lingua galega para os non exentos no recinto da Feira Internacional de Galicia da Fundación da Semana Verde en Silleda.


A proba de coñecementos consiste en 50 preguntas tipo test do temario proposto na convocatoria con catro respostas posibles e soamente unha correcta. Os aspirantes dispoñen dun total de 60 minutos para respondelas. As respostas correctas publicaranse mañá na web da Agasp e o luns coñecerase a listaxe de aptos nesta segunda proba.


Dáse así continuidade ao proceso que comezou a semana pasada coas probas físicas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, nas que os participantes tiveron que cumprir o protocolo en relación á covid-19 que incluía a obrigatoriedade de levar máscara e manter a distancia social, así como presentar unha declaración responsable sobre a ausencia de síntomas do virus nos últimos 14 días.
As persoas aspirantes aprobadas e as incluídas na listaxe de reserva deste proceso selectivo deberán superar un curso de capacitación formación teórico-práctico na Agasp como requisito indispensable para ser contratadas como auxiliares de policía local.


Logo de rematar esta formación, os candidatos poderán elixir destino, polo que os concellos xa poderán entón proceder á súa contratación. Ademais, ao haber unha lista de reservas, cubriranse todas as prazas aínda que haxa renuncias.

En total, a través desta vía cubriranse un total de 139 prazas, que foron as vacantes comunicadas por 33 entidades locais para este proceso. Trátase de A Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Barbadás, Bueu, Cangas, O Carballiño, Carballo, Cedeira, Gondomar, Marín, Miño, Noia, O Barco de Valdeorras, O Grove, Oleiros, Ortigueira, Outes, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Redondela, Rianxo, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Sarria, Soutomaior, Tomiño, Vilagarcía de Arousa, Vilalba e Vilanova de Arousa.

Os axentes que cubrirán as 139 prazas desta convocatoria, súmanse aos máis de 100 auxiliares que están a colaborar nos 38 concellos que se acolleron á bolsa de contratación de auxiliares de policías locais da Xunta para facer fronte á pandemia do coronavirus.


Ademais deste proceso para auxiliares, está previsto que este mesmo mes se publique a convocatoria unificada para a selección de policías locais.
 

Imaxes relacionadas