A ética pública centrará o contido do próximo número da revista Administración&Cidadanía

O número 1 volume 15 da revista incluirá varios artigos sobre a prevención da corrupción na Administración pública e o fomento da integridade

Os textos estarán dispoñibles de balde en formato dixital na web da Escola

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2020

Esta mañá reuniuse na Escola Galega de Administración Pública o consello editorial da Revista Administración&Cidadanía para aprobar os contidos do número 1 volume 15 que estará dedicado á ética pública.

A dita publicación, que estará dispoñible nas próximas semanas, incluirá artigos centrados na prevención da corrupción dentro da Administración pública con textos sobre temáticas concretas coma a calidade da gobernanza, a Directiva de Protección do Denunciante, a fraude na contratación pública, a experiencia da Oficina Antifraude de Cataluña ou o fomento da integridade, entre outros. Ademais, este número tamén contará cun texto relativo ao modelo de renda básica de emancipación e cunha comparativa das constitucións española e italiana.

Grazas á recente dixitalización das revistas da Escola, estes artigos poderán ser consultados e descargados de balde dende a páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/revistas/AC), contribuíndo deste xeito ao fomento da investigación dende o eido público.

Administración & Cidadanía é unha revista creada no ano 2006 que pretende ofrecer un novo enfoque sobre a realidade organizativa e xerencial da Administración pública e achegar novas perspectivas ao estudo dos procesos de intervención pública e do seu impacto desde as perspectivas económica, xurídica, política e sociolóxica.

Imaxes relacionadas