A Xunta inicia as obras de mellora e posta en marcha da depuradora de Portoquintáns, no concello de Coristanco

Estes traballos, adxudicados por un importe de máis de 43.000 euros, contan cun prazo de execución de 5 meses

Actuarase no bombeo de cabeceira de instalación que na actualidade está sen funcionar, para proceder á posta en marcha da estación depuradora

A depuradora foi entregada ao Concello a comezos de 2017, pero o anterior goberno municipal non cumpriu a súa obriga de poñela en marcha
 

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de iniciar as obras de mellora e posta en marcha da depuradora de Portoquintáns, no concello de Coristanco.

Esta intervención esta a ser executada pola empresa Copasa, cun investimento autonómico de máis de 43.000 euros, e conta cun prazo de execución estimado de 5 meses.
A estación depuradora de augas residuais de Portoquintáns foi construída e posta en funcionamento no marco do contrato de colectores xerais da depuradora de Vilaverde, sendo entregada o municipio coruñés no primeiro trimestre do ano 2017. O anterior goberno municipal non cumpriu a súa obriga de poñer en marcha as instalacións, o que obriga agora a acometer actuacións de mantemento e mellora para poder activar o seu funcionamento.

A instalación de Portaquintáns foi deseñada para sanear e depurar as augas xeradas por unha poboación equivalente a 600 habitantes, pero na actualidade o bombeo de cabeceira de depuradora non funciona, deixando a totalidade da instalación parada.
Coas obras contratadas por Augas de Galicia actuarase na mellora da impulsión de cabeceira con bombas que dispoñan de funcionalidades preprogramadas para adaptarse automaticamente ao entorno cambiante das augas residuais.

Os traballos que se están a executar inclúen a instalación de dúas novas bombas, e a adaptación das instalacións eléctricas e autómata aos novos equipos. Posteriormente procederase a posta en marcha da estación depuradora.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa achegando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.
 

Imaxes relacionadas